O sector crítico de Anova, en contra de “ser a marca branca de IU en Galiza”

@s que se definen como “nacionalistas” da formación de Beiras amosan a súa contrariedade “ante o feito de que desaparecese do programa electoral calquera mención á soberanía nacional ou a un Estado galego”. A segunda asemblea da formación será en outubro.

anova
photo_camera Anova

O sector crítico de Anova denunciou nun documento feito público a “falta de análise" dos resultados dos pasados comicios europeos por parte da dirección da formación que lidera Xosé Manuel Beiras, un feito que consideran “máis propio dunha organización convencional ao uso que dunha forza renovadora como debería ser”.

“As persoas nacionalistas de Anova non compartimos a concreción do acordo electoral que deixou converter AGE na marca branca electoral ao servizo da implantación de Esquerda Unida en Galiza”, destacaron os militantes críticos.

Protestan tamén por "descoñecer aínda as condicións do acordo de coalición"

Ademais, @s integrantes deste núcleo -onde están antigos dirixentes como Mario López Rico ou Luis Eyré- denunciaron que o acordo de coalición ao que chegou a dirección de Anova con Esquerda Unida para as eleccións europeas “continúa sendo descoñecido pola Coordinadora e a militancia”, polo que se descoñece “si está aceptado que Lidia Serna non teña o mesmo trato que @s eurodiputad@s de IU”.

Así mesmo, censuraron que a Permanente de Anova “renunciase” ás afirmacións nacionalistas no programa electoral ás europeas, xa que, segundo denunciaron, “neste texto desaparece todo o referido á soberanía nacional galega e calquera mención a un estado galego, en contra do decidido pola militancia”.

Por outra parte, a dirección decidiu convocar a segunda asemblea da formación para o 11 e 12 de outubro e que Esther Duro sexa a nova responsábel de Organización.

Comentarios