O espía na campaña: capa de cemento para agochar a chamada ás urnas

O espía nos quiosques ten unha sección habitual no noso semanario. Durante a campaña, reclutámolo para o diario dixital. Será o espía na campaña.

kiosokostgo

Non lle presta demasiado esta campaña aos medios hexemónicos, en curiosa coincidencia de novo cos intereses gobernamentais, bastante favorábeis eles a unha alta abstención que maquille o seu desgaste político. Andan todos a iso, tamén en Galiza, onde nalgúns casos a capa de cemento coa que se quere agochar a chamada ás urnas resulta dun grosor monumental, dun descaro evidente. Compróbese en dous periódicos do mesmo grupo: Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña. No primeiro, as europeas só existen respecto á enquisas do CIS nun pequeno breve na parte dereita da capa, case imperceptíbel. Para o segundo, directamente, os comicios non existen. No día no que comezaba a campaña non incluíu nin unha soa referencia a eles na súa primeira páxina; a evaporación total, eses tolos dos carteis e das propostas -algunhas honestas, outras a matraca habitual- non merecen consideración. Seica importan máis unhas luceciñas que puxo o concello para un acto caritativo. Vaites.

A tendencia repítese noutros medios. El Progreso tamén limita a súa información sobre as eleccións en portada a un breve deses que leva un anaco atopar. Nin unha liña tampouco no Diario de Ferrol. E aqueles periódicos que si lle conceden importancia á campaña que vén de comezar, saben ben o que contan. En La Voz volven centrar o asunto no bipartidismo, non se vaia rebelar o electorado. El Correo fala de “apatía”, como satisfeito. A ver o que fan de aquí ao 25 de maio. Este espía pensa estar atento. Algúns si cumprimos.

Comentarios