O Tribunal da Audiencia Nacional que xulga a Marcial Dorado rexeita pedir os contratos coa Xunta

Avogados da defensa pediron a suspensión do xuízo e sobresemento da causa amparándose na reforma da lei de xustiza universal, pois o delito polo que se xulga a Dorado (branqueo) tería sido feito no estranxeiro. A petición foi desestimada.

O tribunal da Audiencia Nacional que xulga o narcotraficante Marcial Dorado (amigo de Feijóo nos 90) e a outras 15 persoas acusadas de branqueo de capitais procedentes da droga non vai pedir á Xunta os contratos que esta puidese ter asinado con empresas que terían relación con esta trama. O tribunal rexeitou así a petición da defensa neste sentido. Mais non foi o único non que recibiu a defensa nesta nova sesión do xuízo que decorre na Audiencia Nacional contra unha trama que tería lavado 22 millóns de euros.

Así, a sala presidida pola maxistrada Fernández Prado tamén desestimou a petición de coñecer as subvencións ou concesións administrativas que o goberno galego ou os concellos de Vilagarcía e A Illa (onde Marcial Dorado vivía e tiña empresas) concederan a estas firmas.

A maxistrada argumentou a súa negativa en que admitir estas probas suporía abrir “unha nova fase de investigación impropia desta vista oral”. Entende que estas tiñan que se ter pedido na fase de instrución.

A petición de acceder a eses contratos coa Xunta partiu da avogada (e tamén acusada de branqueo) Rosa Stampa. Quería que o Tribunal reclamase á Xunta todos os contratos que os seus departamentos tivesen subscrito con empresas de Marcial Dorado Baúlde nestes 23 anos.

Xustiza universal

O Tribunal tamén desestimou a petición da defensa dos acusados de suspender o xuízo. Unha solicitude feita polos avogados o abeiro da reforma da lei da xustiza universal, alegando que o suposto branqueo de diñeiro obxecto da acusación tería sido en Suíza. Ou sexa, no estranxeiro, polo que España non podería (tras a reforma de Gallardón da lei de xustiza universal no Estado) xulgar eses feitos.

A fiscal Cristina Toro cualificou de “esaxerada” a petición e dixo que a reforma da lei de xustiza universal non afectaba o tema tratado na vista. 

Comentarios