Parlamento

Unanimidade no Parlamento para demandar á Xunta que remate a concesión da mina de San Finx

A Comisión 2ª aproba unha resolución, a instancias do BNG, encamiñada a avanzar no expediente de caducidade da explotación.
Complexo mineiro de San Finx, no concello de Lousame, comarca de Noia. (Foto: Ecoloxistas en  Acción)
photo_camera Complexo mineiro de San Finx, no concello de Lousame, comarca de Noia. (Foto: Ecoloxistas en Acción)

Após varios anos de loita dos colectivos ecoloxistas e veciñais da comarca de Noia, e con multas por verteduras ilegais contra a compañía propietaria, a mina de San Finx parece estar cada vez máis perto da súa clausura definitiva. A Comisión 2ª do Parlamento da Galiza, de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, aprobou esta sexta feira, a instancias do BNG, unha resolución pola que a Cámara insta a Xunta da Galiza a avanzar na tramitación do expediente de caducidade da mina "de forma rigorosa e garantista", após revogar Augas da Galiza o permiso de verteduras en abril pasado.

O texto recolle, ademais, a necesidade de requirir á concesionaria que execute o proxecto de restauración do Dominio Público Hidráulico, incluíndo a retirada dos residuos mineiros acumulados nas dúas presas, así como a restauración ambiental do leito degradado e da contorna das instalacións mineiras, unha vez cumpridos con todos os trámites previstos legalmente, nomeadamente o procedemento de avaliación de impacto ambiental ao que está sometido o proxecto.

Tamén pretende proceder á execución do aval depositado polo titular da explotación no caso de que non cumpra co requirido e acometer con cargo a ese aval, as medidas de execución subsidiaria que sexan precisas para manter a explotación "en condicións de seguridade, incluída a ambiental".

"No caso de que o aval depositado polo titular da explotación fose insuficiente para acometer as medidas necesarias para manter a explotación en condicións de seguridade, incluída a ambiental, requirir á empresa concesionaria os fondos precisos a través de todas as vías das que dispón a Administración", conclúe o documento asinado.

Para a deputada nacionalista Rosana Pérez, este acordo supón "unha emenda á totalidade ao que leva defendendo durante anos o PP", se ben afirma que a súa formación valora "positivamente" o seu "cambio de posición" no tocante a San Finx. "A veciñanza da ría de Muros e Noia levaba moito tempo agardando por esta decisión", salientou.

Comentarios