A plataforma social Varanda Viva denuncia “prácticas caciquís e clientelares do PP na xestión local da crise do Coronavirus”. A través dun comunicado manifesta o seu “rexeitamento pola utilización contrastada e confirmada de métodos clientelares por parte de cargos públicos do Partido Popular no desempeño das súas funcións institucionais”.
A plataforma cita reparticións en man por parte de concelleiras de máscaras “en vivendas concretas do rural”, así como o de “lambetadas entre crianzas, mesmo vulnerando as normas máis elementais de confinamento e distanciamentos social”.
Engaden tamén a polémica campaña de alcaldes e alcaldesas do PP de Ourense, que sitúan no “intento de xerar deliberadamente unha confusión calculada entre institucións (Xunta, Deputación de Ourense, concellos) e o Partido Popular, co ánimo de provocar a falsa idea de ser este partido, e non as institucións representativas quen resolven os problemas máis urxentes da sociedade”.
Varanda Viva fai un chamamento “a todas as forzas políticas, e especialmente ao Partido Popular”, para a “erradicación definitiva destas prácticas“.