Para Vence, a República non lle vale a Galiza se mantén "a indivisíbel unidade de España"

O portavoz nacional do BNG di que a abdicación non é só sinal dunha crise institucional mais tamén “territorial”. A formación frentista presenta unha emenda á totalidade ao proxecto lei de abdicación.

VENCE ROLDA PRENSA 9 XUÑO 2014
photo_camera Vence, en conferencia de imprensa

O BNG presenta unha emenda á totalidade ao Proxecto de Lei de Abdicación do Rei que será debatido nas Cortes do Estado cun texto alternativo en base a dúas propostas concretas: aceptación da abdicación do monarca e a convocatoria dun referendo consultivo para submeter á cidadanía a apertura dun novo proceso constituínte que, en opinión do BNG, debe contemplar tamén o dereito das nacións a decidir.

O portavoz nacional, Xavier Vence, sostivo que“a Galiza de nada lle serve que se mude o artigo primeiro da Constitución, de tal xeito que da monarquía se pase a república se, en cambio, permaneza inmutable o artigo segundo no que se consagra a indivisíbel unidade de España”.

Dereito a decidir

Por iso, explicou, a proposta que defenderá o BNG no Congreso pasa por “aceptar a abdicación do Rei e pola apertura dun proceso constituínte para elixir a forma do Estado, claro está", mais tamén pasa por que se "recoñeza a soberanía e o dereito a decidir das nacións”.

A “operación Felipe” non pode agochar a crise dun réxime “herdado do franquismo”, afirmou o portavoz nacional do BNG

Vence convidou “a todos os deputados e deputadas que xogan nas tertulias a declararse republicanos e a favor do dereito a decidir das nacións", -en referencia a responsables políticos do PSOE e de IU-, "a que actúen en consecuencia en foro parlamentario”.

O líder nacionalista puxo o acento en que a “operación Felipe” non pode agochar a crise dun réxime “herdado do franquismo”. Para o portavoz do BNG, non se trata só dunha crise institucional, senón tamén do modelo territorial saído dese réxime, como se pon de manifesto no caso de Euskadi e Catalunya.

Contra a desigualdade social

“A cidadanía ten que poder falar tamén sobre as grandes reformas estruturais que están provocando unha desigualdade social sen precedentes. Non pode ser que as grandes reformas que arrancan do pacto do euro, -aplicadas antes polo PSOE e agora o PP-, que arrasa co estado do benestar e cos dereitos da clase traballadora podan pasar sen que a cidadanía se pronuncie”, denuncia.

“En Galiza precisamos un cambio de modelo que nos permita ter ferramentas para resolver os problemas da cidadanía, as que achega ter un Estado propio se así o queren os galegos e galegas”, concluíu.

Comentarios