Vence ve un proceso de recomposición no nacionalismo no que ex-militantes volven ollar para o BNG

O portavoz nacionalista rexeita a campaña ''desprezábel'' do PP contra a fronte pola coligación con EH Bildu e asegura que ''os galegos saberán distinguir a propaganda e a realidade''.

vence

Xavier Vence observa que no nacionalismo galego estanse a dar o que cualificou de “movementos de recomposición”. Nunha entrevista en Ser-Galiza, o portavoz nacional indica que hai persoas que están a “replantexar” as opcións tomadas no seu momento, en referencia ao proceso de abandonos do BNG. Para Vence, ex-militantes están a volver ollar para o Bloque como suxeito político de referencia. “O Bloque volve ser atractivo para moita xente”, dixo, describindo a organización como “un proxecto sólido e conectado coa cidadanía, cos movementos sociais, coa loita sindical...”.

"A portavoz do PP aparece nos papeis da Pokemon falando dos 'regalos de la hostia' de Vendex. Deberían afastala do cargo e non poñela a dicir disparates”

O portavoz do BNG defendeu na entrevista que nas eleccións do 25 de maio @s galeg@s que queiran votar por unha candidatura que se enfronte á Troika e ás políticas do PP van ter a posibilidade de “votar o BNG, coa candidatura do BNG encabezada por Ana Miranda e cun proxecto do BNG”.

Ataques

A respecto das críticas da portavoz do PP, Paula Prado, acusando o BNG de “lexitimar 50 anos de terrorismo” por ir con EH Bildu ás europeas. Vence cualifica de “desprezábel” a campaña e pide aos populares que “fagan autocrítica. A súa portavoz aparece nos papeis da Pokemon falando dos 'regalos de la hostia' de Vendex. Deberían afastala do cargo e non poñela a dicir disparates”.

O portavoz do BNG sinala que o PP non ten nada que propoñer á cidadanía nestes comicios, de aí que queira facer unha “campaña do ruído” con mentiras e descualificacións. Mais tamén considera que “os galegos saberán o que é distinguir entre propaganda e realidade”.

"Somos vangarda da resposta ás políticas do PP e, ademais, ofrecemos alternativas”

Nacionalismo de esquerdas e forzas propias

Preguntado sobre Anova e a escolla de ir con IU, o portavoz do BNG parte do “respecto ás decisións que adopte cada organización”, mais acrecenta que “o futuro pasa por reforzar as forzas políticas propias”.

As eleccións do 25 de maio son unha oportunidade para rexeitar “as políticas do PP e da Troika”, e o BNG, apuntou, “somos vangarda da resposta a esas políticas e, ademais, ofrecemos alternativas”.

Comentarios