Dúas persoas da confianza de Luís Villares

Victoria Esteban e Ana Seijas perfílanse como vicevoceiras de En Marea

Son dúas das persoas que se mantiveron leais a Villares de entre as que configuraron a candidatura Máis Alá, a que obtivo un maior número de apoios -58 por cento do voto- nas primarias de xaneiro.

unnamed
photo_camera Coordenadora de En Marea

En Marea terá dúas vicevoceiras se así aproba o Consello das Mareas a proposta que lle vai elevar a Coordenadora da confluencia. Serán Victoria Esteban e Ana Seijas. Así o decidiu esta sexta feira a executiva do partido instrumental na súa primeira reunión após a conflictiva sesión realizada polo Consello o pasado domingo, unha xuntanza en que se visualizou a división no seo de Máis Alá.

Esteban e Seijas son persoas de confianza do portavoz da organización, Luís Villares.

Destarte, a nova maioría da confluencia -composta polo sector villarista de Máis Alá e as correntes Somos Quen e Queremos Participar- tentan se aproximar o máis posíbel ao mandato expresado polas bases en xaneiro sen o facer inteiramente. Na consulta aprobarase un documento en que se fixaba un triunvirato nunha portavocía rotatoria e se excluía Villares da ponte de mando. Finalmente, Villares foi eleito voceiro -a factura a pagar foi a rotura da cohesión interna de Máis Alá- e non haberá dúas voceiras, senón dúas vicevoceiras, un aceno política da nova maioría para tentar reconducir o antes posíbel a tensa situación interna.

A proposta da Coordenadora ao Consello das Mareas é que Victoria Esteban lidere a viceportavocía de Organización e Seijas asuma a de Acción Política.

Nun comunicado de imprensa, a executiva da confluencia informa de que unhas das tarefas imediatas a acometer pola nova equipa de dirección será a de recompilar "todos os documentos políticos de En Marea para a súa publicación na web". Alén de máis, a Coordenadora porá en marcha o "proceso de dotar a organización dunha estrutura territorial".

Comentarios