Xavier Vence anuncia que “a mocidade será a protagonista do 25 de Xullo” para o BNG

“A xente nova é a que máis sofre as políticas do PP, cun cincuenta por cento en paro e o outro cincuenta con soldos de miseria que lle impiden independizarse”, afirmou o voceiro do Bloque nun acto político e festivo en Cuntis.

VENCE CUNTIS ACTO CAMPAÑA DIA DA PATRIA (12 XULLO 2014)-crop
photo_camera Vence, no acto en Cuntis

Nun acto político e festivo celebrado en Cuntis, o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, anunciou que a súa formación quere que “a xuventude sexa protagonista do Día da Patria para simbolizar que Galiza non ten futuro sen a xente nova e que é preciso parar a desfeita social que só ofrece ás novas xeracións paro, emigración ou, no mellor dos casos, precariedade laboral”.

"Galiza non ten futuro sen a xente nova, a desfeita social só lles ofrece paro, emigración e precariedade", di Vence

Nesta liña, o líder do Bloque asegurou que a mocidade “ten que rebelarse para conquistar o futuro, son esa xente nova a que máis sofre as políticas do PP que teñen ao 50% en paro e ao outro 50% bailando dun emprego precario con soldos de miseria que non lle permiten independizarse nin formar unha familia”. “A patria que é de todos e todas, ten que ser ese día sobre todo, a patria das novas xeracións de mozos e mozas”, engadiu.

Presenza

Así, o BNG anunciu que “os problemas da mocidade terán voz directa na Praza da Quintana, onde por primeira vez o discurso do portavoz nacional, Xavier Vence, estará precedido non só polo do secretario de Galiza Nova, Alberte Mera, senón tamén pola intervención de Saleta Chao, moza e responsable de Muller na Executiva nacional”. O Bloque convocou unha manifestación o 25 de Xullo en Compostela, con saída ás 12.00 horas da Alameda.

Comentarios