Na tarde deste domingo rexistrouse un incendio nunha nave anexa á histórica fábrica de cerámica Pontesa.
Á fábrica, localizada en Ponte Sampaio, parroquia do concello de Pontevedra, achegáronse tamén bombeiros de Soutomaior para axudar nos labores de extinción. O incendio provocou que a Xunta da Galiza declarase o Plan Territorial de Emerxencias, Platerga. Segundo o 112, con este plan "garántese a coordinación entre os organismos mobilizados para facer fronte á situación de risco".
![Os equipos de emerxencia avalían a situación (Foto: Emilio Luna).](/media/nosdiario/images/2022/11/06/2022110618421585669.jpg)
Se ben o fume que emite o incendio pode facer parecer que se trata dun fogo de grandes dimensións, os equipos de emerxencias confirmaron que "non e grave".
Con todo, aseguran que se trata dun incendio "difícil de apagar" dada a propia natureza das chamas.
Posíbel comezo do fogo
Segundo indican os equipos de emerxencias, unha faísca puido ter sido a causa do incendio.
![Columna de fume (Foto: Emilio Luna).](/media/nosdiario/images/2022/11/06/2022110618425976583.jpg)
Devandita faísca puido ter caído nunha pila de pipas de xirasol, produto co que, aparentemente traballa a nave anexa á fábrica da Pontesa.
Non obstante, de acordo coas últimas informacións, os bombeiros xa foron capaces de controlar o incendio.
O 061 informou de que recibiron a alerta do incendio ás 18.09 horas. Ao lugar desprazaron dúas ambulancias asistenciais de Soporte Vital Avanzado e outra de Soporte Vital Avanzado Enfermeiro de Urxencias Sanitarias. Polo momento atenderon tres feridos por queimaduras, dous deles socorridos no propio lugar -un dado de alta do que non constan datos e outro, un home de 44 anos-, así como outro de 59 anos que foi trasladado ao Hospital da Coruña con queimaduras de consideración.
![Vehículos á espera de poder continuar por causa do incendio (Foto: Emilio Luna).](/media/nosdiario/images/2022/11/06/2022110618433160376.jpg)