O CEP de Ventín, en Ames (comarca de Compostela), epicentro dun gromo de gastroenterite con case un centenar de persoas afectadas —ningunha delas grave— do que aínda se investiga a súa orixe, abriu esta segunda feira con normalidade, segundo confirman fontes da Consellaría de Educación e mais do Concello citadas pola axencia Europa Press.
A idea é que os comedores, que son un servizo municipal, volvan operar esta segunda feira, agás no caso de que a Consellaría de Sanidade indique o contrario. Nun comunicado, o consistorio indicaba que a información da que se dispón na actualidade indica que é seguro prestar o servizo, pero que esta mañá haberá unha reunión entre administracións para determinar o protocolo a seguir. O alcalde de Ames, Blas García, prevé comparecer ante os medios ás 13 horas.
Persoal técnico da Consellaría de Sanidade tomou a semana pasada mostras da comida do comedor e volveuno facer na mañá desta segunda feira, para determinar se este gromo é consecuencia dunha intoxicación alimentaria.
En paralelo, Sanidade daba por estabilizado esta pasada fin de semana o surto tras detectárense uns cen casos, sen que ningún fose grave nin requirise hospitalización. Entre os afectados e afectadas hai tanto alumnas como monitoras de comedor, a maioría do CEP de Ventín, aínda que tamén se rexistraron noutros centros.
Ademais dos atendidos nos servizos de urxencias e notificados ao 061, a Consellaría realizou enquisas epidemiolóxicas para tratar de esclarecer os feitos e as causas da súa orixe.