O xornalista Javier Negre, promotor da canle de YouTube afín á extrema dereita EDA TV, informou nas súas redes sociais o pasado 30 de setembro de que iniciaba o Camiño de Santiago desde A Guarda, nun chío no que citaba os perfís oficiais do Xacobeo e da Axencia de Turismo da Galiza.
Desde entón, Negre publicou en YouTube vídeos diarios nos que informaba dos seus avances e nos que se podían apreciar claramente os logotipos do Xacobeo e da Xunta.
Aliás, en todas as súas publicacións en redes mencionaba a conta do Camiño Xacobeo, indicios que apuntan a un patrocinio da súa andaina por parte da Administración galega.
![(Fonte: EDA TV)](/media/nosdiario/images/2022/10/07/2022100719430574359.jpg)
Nós Diario tentou contactar ao longo da semana en máis dunha ocasión con Turismo da Galiza para preguntar por esta cuestión, mais a día de hoxe o xornal aínda non obtivo resposta ningunha.
No portal de contratación da Xunta, por outra parte, non se acha información referida a un posíbel contrato asinado coa produtora, EDA TV Consulting SL, se ben cómpre salientar que os denominados contratos menores non teñen a obriga de recollerse neste rexistro e, por outra parte, a súa publicación non é inmediata.
Polémica con Caballero e Lores
Ao longo do seu Camiño, que rematou esta sexta feira coa tradicional visita á praza do Obradoiro, Javier Negre protagonizou —e difundiu na súa canle— un enfrontamento verbal co alcalde de Vigo, Abel Caballero, a quen acusou de "vetar" as súas preguntas.
Colas largas para asistir a la misa del peregrino aún en octubre. Me da que voy a tener que ir al turno de las 19.30. Está claro que el @camino_xacobeo está de moda. pic.twitter.com/N0I5fW688c
— Javier Negre (@javiernegre10) October 7, 2022
"Que Abel Caballero é un alcalde chavista non é só porque teña un Aló Presidente cada noite nunha televisión local. Tamén polos seus intolerábeis ataques á liberdade de prensa. En Vigo ten a maioría da prensa comprada e dálle medo enfrontarse ás nosas preguntas", afirmou, algo que o propio Caballero desmentiu nos seus vídeos, nun momento no que Negre o interpelou camiñando pola rúa: "Cando queiras, pídeme unha entrevista".
Ao seu paso por Pontevedra, o polémico xornalista dedicou tamén unhas palabras críticas ao rexedor, Miguel Anxo Fernández Lores, a quen acusou de ter "unha cidade preciosa repleta de sucidade" porque, dixo textualmente, "o comunismo só trae ruína".