Redacción 17/xan./22 - 19:44 Seguinte chevron_right A Consellaría de Sanidade trasladou esta segunda feira á alcaldesa do Rosal, a nacionalista Ánxela Fernández, o seu compromiso de reforzar a Atención Primaria neste municipio, considerado prioritario pola Administración debido ao déficit de persoal causado pola baixa prolongada de dúas das tres prazas de médico de familia coas que conta o seu centro de saúde, e anunciou, entre outras medidas, a ampliación de xornadas de persoal médico e farmacéutico para prestar atención sanitaria nesta localidade. Segundo explicou Sanidade nun comunicado, o conselleiro, Julio García Comesaña, mantivo un encontro con Fernández no que lle explicou as limitacións de contratación de persoal facultativo e a falta de profesionais no mercado laboral. Aliás, manifestoulle que a Primaria do Rosal é "prioritaria" para o Sergas, precisamente debido aos problemas que arrastra polas baixas dos médicos. Tras reiterar a necesidade de que o Ministerio de Sanidade convoque de forma extraordinaria prazas MIR, ou que cree unha especialidade de Medicina de Urxencias —para aproveitar a totalidade de prazas de Medicina de Familia para formar a especialista neste ámbito—, García Comesaña apuntou que a Xunta xa tomou algunhas decisións. Así, sinalou que se creará unha nova categoría de facultativo especialista en Atención Primaria, cuxas prazas serán cubertas por concurso de méritos, e que se habilitará a categoría de técnico de saúde —licenciado en Medicina— para apoiar o persoal médico de Primaria. Estas medidas, explicou o conselleiro, aplicaranse "de forma preferente" para atender situacións como a do Rosal. Polo de agora, o Goberno galego estabeleceu a "única medida de reforzo" ofrecida polo Ministerio, que é a habilitación de contratación de reforzo de persoal médico xubilado. O centro de saúde do Rosal contará co apoio dunha médico xubilada que atenda de forma telemática as persoas doentes. Tamén se contará con outras medidas complementarias, como a ampliación de xornada de persoal médico e farmacéutico —doutros centros—. Melloras "insuficientes" Pola súa parte, a alcaldesa do Rosal trasladou ao conselleiro a "precaria" situación da atención sanitaria neste municipio, no que actualmente hai traballando só unha médica de familia que chega a atender a 90 pacientes diarios, e no que, durante o período do Nadal, houbo días sen persoal facultativo. Entre outras demandas, Ánxela Fernández reclamou ao conselleiro de Sanidade "a volta do servizo de Pediatría" ao Rosal, o aumento de persoal —catro médicos, catro enfermeiras e enfermeiros, pediatra e matrona— e a ampliación das infraestruturas actuais. "Non podemos esquecer que a precariedade xa existía antes da pandemia, e que agora se acentuou", subliñou, á vez que criticou novamente o fechamento do consultorio de San Miguel. A respecto das medidas de reforzo trasladadas por Julio García Comesaña, a rexedora recoñeceu que mellorarán a situación con respecto á vivida en Nadal, pero "non son suficientes para ofrecer unha atención sanitaria de calidade". Finalmente, Fernández trasladou á Xunta a "total colaboración" do Concello do Rosal para facilitar a ampliación do centro de saúde, sempre que as obras se adapten ao Plan Xeral da localidade. O Chuac reprograma a actividade non urxente Noutra orde de asuntos, a explosión de contaxios da Covid-19 levou o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) a reprogramar operacións non urxentes por mor da alta ocupación. Fontes deste centro afirmaron que "se reprogramará o necesario" e "en función das dispoñibilidades de hospitalización" existentes, mais "nunca se atrasarán operacións de prioridade ou urxentes". Etiqueta Sanidade Sergas Chuac Atención Primaria O Rosal Seguinte chevron_right
SOCIAL Aparecen novos contedores incendiados na Coruña noutra xornada de folga con lixo nas rúas e sen acordo Redacción 16/xul./24 10:07
SOCIAL A Rede Educativa LGBTIQ+ denuncia un caso de "censura": "Ordenáronme retirar os carteis de moi malas formas" Susana Rois 16/xul./24 7:51
SOCIAL 25 entidades denuncian "vulneración de dereitos da cidadanía do rural" X. M. P. 15/xul./24 21:06
SOCIAL O Departamento de Historia da Arte da USC pide parar o proxecto de Altri E. B. 15/xul./24 19:33 A Rede do Rural presenta o seu informe anual: "É fundamental frear, tal e como está exposta, a posíbel implantación de Altri"
A Rede do Rural presenta o seu informe anual: "É fundamental frear, tal e como está exposta, a posíbel implantación de Altri"
SOCIAL A Rede do Rural presenta o seu informe anual: "É fundamental frear, tal e como está exposta, a posíbel implantación de Altri" Redacción 15/xul./24 17:28
SOCIAL Consulta aquí os graos que fecharon a admisión nas universidades galegas: máis de 60% das carreiras cubriron todas as prazas Redacción 15/xul./24 15:34
SOCIAL 188 quilómetros de estradas galegas de titularidade estatal son de alto risco Redacción 15/xul./24 7:52