Coa chegada dunha nova fin de semana volve á súa cita coas lectoras e lectores o semanario Sermos Galiza, que nesta ocasión leva como tema de apertura un análise sobre a lacra da xentrificación, que xa leva moito tempo presente nalgunhas cidades fóra do país. Agora María Álvares conta a través da reportaxe "Xentrificación. Así afecta a Covid-19 a un fenómeno incipiente na Galiza" a realidade que se vive nas grandes urbes galegas.
A entrevista, nesta ocasión, é á recoñecida autora Chus Pato. Manuel Xestoso fai un intenso cuestionario en "Chus Pato: contra a linguaxe". As preguntas sobre a obra da escritora e as futuras publicacións van acompañadas con fotografías de Anxo Cabada.
Tamén é Manuel Xestoso quen asina o tema "Portugal no horizonte. Os teatros galego e portugués condenados a atoparse". Neste texto con moita carga visual analiza a actualidade desta arte e por que é precisa a colaboración e a convivencia dos proxectos de ambos territorios.
No Andar e Ver, é tempo de ir canda o Colectivo Xea -formado por Adela Leiro, Xan Colazo e Mon Daporta- a coñecer o "Litoral de Vilanova de Arousa". Para aquelas zonas con fechamento perimetral, polo menos se poden ir facendo plans para cando pase a pandemia. O itinerario vai ben detallado.
Non faltan neste número as recomendacións habituais de todo tipo de artes culturais. Mario Regueira e Inma Otero Varela anímanse a falar de libros mentres que Mauro Borrazás e Alejo Amoedo ocúpanse da escolma musical. Andrés Castro volve co cinema.
Para as e os máis amantes da cociña, Mercedes Espiño propón (con imaxes de Anxo Ril) un menú vistoso e saboroso.
Fechan o semanario os habituais pasamentos de Xerardo R. Roca e Xoán Costa, que para moitas e moitos lectores fornecen un momento de lecer fantástico.
Se queres ter todo isto nas túas mans só tes que ir mañá ao quiosque e pedir o Sermos Galiza que acompaña a Nós Diario. Tamén o terás dispoñíbel na nosa loxa en liña. No entanto, a mellor opción é facer a subscrición agora mesmo e que cheguen a túa porta!