A acusación patronal pide 3 anos de prisión para un grevista do metal de 2009

Acúsao de vulnerar o dereito ao traballo. A CIG fala de “petición desorbitada” e que procura “ser exemplarizante”.

2016-11-30-Vigo-xuizometal

En 2009 o sector do metal da provincia de Pontevedra protagonizou unha greve de 26 días por un convenio xusto. Os máis de 30.000 traballadores do sector na provincia secundaron maioritariamente os protestos, Sete anos despois, un afiliado da CIG fai fronte a unha petición de 3 anos de cárcere e 3.000 euros de multa, acusado de vulneración do dereito ao traballo, entre outros supostos delictos.

Quen exerce a acusación é a acusación particular da empresa Electricidad EIP, en mans do daquela presidente da patronal Instaelectra. A central nacionalista fala de “petición desorbitada”, máxime cando se procura aplicar a lexislación máis dura, relacionada cos dereitos fundamentais, “por uns feitos que deberían estar xa prescritos”, sinalando ademais que a propria fiscalía solicita o sobresemento.

Contradicións

Afirma que a acusación incorre en contradicións, “xa que durante os supostos feitos denunciados a empresa estaba completamente baleira, negando por tanto que existise ningún tipo de coacción, tal e como defende a patronal”.

O secretario comarcal da CIG-Industria, Xulio Fernández, avogou pola absolución do traballador, alén de denunciar que a patronal “utiliza a Xustiza como arma contra a acción sindical, mentres que en moi poucas ocasións se senta no banco dos acusados”.


 

Comentarios