Catro de cada dez galegos que están no paro levan máis de dous anos nesa situación

Por volta de 88.000 persoas no noso país están en desemprego desde hai máis de 24 meses. 

Reforma laboral, máis desemprego
photo_camera Reforma laboral, máis desemprego

A EPA correspondente ao IV trimestre de 2016 fixaba en 204.200 as persoas que estaban no paro en Galiza. O noso país presenta unha taxa de desemprego de 16,3%, a máis alta entre as autonomías do norte do estado español [en Euskadi, Nafarroa e Cantabria non chega a 13%. En Asturies, Castela-León, Madrid, Aragón e Catalunya anda entre 13 e 15 por cento]. Deses máis de 200.000 desempregados, a maioría leva máis dun ano nesa situación, é dicir, son parados de longa duración. Son perto de 119.000, 58% do total. E, noutro dado preocupante, hai 88.000 persoas no desemprego que levan nesa situación dous ou máis anos. 43% do total de parados do noso país. Unha porcentaxe abrumadora, pois indica que de cada 10 persoas que hai no paro en Galiza, 4 levan así máis de 24 meses.

En Galiza o número de fogares onde non entra ningún tipo de ingreso supera os 37.000. Un incremento de 88% se o comparamos co ano 2009. Os sindicatos advirten do insostíbel desta situación, en que se sitúa miles de familias galegas á beira da pobreza e a exclusión social.  No noso país hai, tamén segundo a EPA, 69.600 fogares con todos os seus membros no desemprego.

É unha cifra que supón unha mellora a respecto do ano anterior, 2015, cando eran 75.000 os que padecían esa situación. Porén, é un número que é 55% superior ao que había en 2009. E supera en 4.400 fogares os que estaban rexistrados en 2011 con todos os seus membros no paro.

Os sindicatos coinciden en reiterar que tras estas estatísticas e dados atópanse  "familias e persoas con nomes e apelidos que están en risco de exclusión social". “A situación é cada vez máis preocupante, xa que vemos como se está a afondar na consolidación da figura do traballador pobre”, ten indicado Miguel Malvido, secretario confederal de Emprego e Industria da CIG.

Comentarios