A conflitividade laboral multiplícase en Galiza

Foi o segundo territorio do Estado con maior número de xornadas non traballadas por greves e paros. O número de persoas participantes aumentou en máis de 200% a respecto de 2016.

navantia greve naval auxiliares
photo_camera Greve das auxiliares do naval en Ferrol.

Foi  2017 un ano de importantes greves e mobilizacións laborais en Galiza. Da greve do metal na provincia da Coruña á das auxiliares do naval en Ferrol, do transporte, nos centros de chamadas ou na sanidade, entre outras moitas. O resultado é, segundo os datos do Ministerio de Emprego, que Galiza figura á cabeza dos territorios onde máis aumentou a conflitividade laboral ao longo do ano pasado.

No noso país houbo, segundo os datos do Ministerio, 76 greves en 2017, o que supón 33% máis das que se rexistraron no exercicio anterior (57). Tan só Euskadi, Catalunya e Madrid tiveron maior número de greves. En canto a persoas participantes nos paros, foron perto de 40.000 persoas en Galiza.Aumento de 230% sobre as persoas que secundaron algunha greve en 2016, cando foran 11.900. Neste apartado só Catalunya, Euskadi e Madrid presentan uns rexistros superiores aos de Galiza, con dous millóns e medios de participantes en greves: cómpre lembrar que en 2017 houbo 2 greves xerais en Catalunya (3 de outubro e 8 de novembro), relacionadas co proceso soberanista.

Un terceiro indicador da conflitividade laboral é o das xornadas non traballadas como consecuencia das greves. En Galiza foron case 160.000, cantidade moi superior ás 17.000 de 2016. Neste apartado só Catalunya presenta uns rexistros superiores aos de Galiza, con 2.500.000  xornadas. De feito, o nivel de conflitividade laboral no noso país é o máis alto desde 2009. 

Comentarios