A cuarta xornada de greve no metal da Coruña mantén paralizada a actividade

As asembleas de traballadores acordaron ampliar os paros a 13, 20 e 27 de xullo. 

Greve metal imaxe da CIG
photo_camera Imaxe da CIG

A cuarta xornada de greve do metal coruñés mantén a tónica das tres anteriores: seguimento masivo e paralizada a actividade nos polígonos industriais da provincia. CIG, CCOO e UXT coinciden en destacar o amplo apoio á greve por parte dos traballadores deste sector, que na provincia da Coruña representa 17.000 empregos.

As asembleas de traballadoras e traballadores decidiron ampliar a greve aos días 13, 20 e 27 de xullo. Unha decisión adoptada perante a negativa das patronais a desbloquear varios puntos da negociación, especialmente os mecanismos contra os abusos das mutuas e a situación do persoal das industrias auxiliares, entre outras.

A greve ten a súa orixe na actitude de paralización da patronal no convenio colectivo, que leva negociándose máis de dous anos e medio. Entre as reivindicacións, a de activar a cláusula de revisión do IPC, paralizala no momento de comezar a crise, pero co compromiso de volver activala en canto acabase o convenio. A patronal aceptaría agora este punto.

Porén fica avanzar en cuestións como a subrogación a subcontratas que traballan  para Fenosa e Telefónica, ou ben os longos contratos a través de ETT, coa precariedade que iso xera. As “altas indebidas” por parte das mutuas é outro dos campos de batalla.

Comentarios