Fin da greve en Leche Celta grazas a un acordo que permite superar o marco do convenio estatal

A asemblea do persoal ratifica o preacordo. O documento supera as discriminacións salariais e laborais a respecto doutras factorías do grupo.

leche celta manifestacion cig greve

A asemblea de traballadores e traballadoras de Leche Celta aprobou, por maioría absoluta e sen ningún voto en contra, ratificar o preacordo acadado entre o comité e a empresa e proceder á desconvocatoria da greve indefinida que viñan realizando dende a quinta feira pasada. O pacto, indica a CIG,  permite superar o marco do convenio estatal de industrias lácteas e deixa á par as condicións do persoal da planta de Meira coas que teñen os seus compañeiros e compañeiras de Pontedeume.

A greve indefinida mantivo paralizada completamente a actividade na factoría de Meira, afirma o sindicato. O secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López, valorou moi positivamente o conflito xa que permite superar o marco de negociación colectiva estatal Subliñou a “valentía e a unión” do conxunto dos traballadores e traballadoras.

Sobre as condicións recollidas no acordo -que terá vixencia até 2020-, no aspecto económico os efectos do mesmo serán retroactivos a 1 de xaneiro de 2018, asumindo o incremento de 1,5% por riba dos incrementos do convenio estatal das industrias lácteas en todos os conceptos durante a súa vixencia, así como un pago liñal de 250 euros neste primeiro ano. A compensación no caso de horas extras será a elección do traballador, mellórase a prima de festivos e domingos recollida no marco estatal, ao igual que a retribución no traballo en fins de semana.

A maiores, a empresa quedou pendente de trasladar unha relación nominal de todo o persoal susceptíbel de recibir un complemento adicional de 3% do salario base anual. Esta relación, explica López Carmona, deberá remitila a empresa nun prazo de tres semanas "e, segundo os nosos cálculos debería afectar a preto da metade do cadro de persoal".

A maiores dos incrementos salariais, no preacordo recóllense melloras sociais para o traballo en datas sinaladas, licencias retribuídas nos supostos de asistencia médica e a familiares de ata 3º grao, na vixilancia da saúde, lactación, xornada e xubilación parcia.

Comentarios