Traballo debate cos axentes sociais o borrador sobre a redución da xornada laboral: así che afectaría

O texto foi enviado a pasada sexta feira a sindicatos e empresarios e non contempla un aumento de horas extra por rebaixar a xornada ordinaria a 38,5 horas semanais este ano e a 37,5 en 2025.
Yolanda Díaz esta cuarta feira no Congreso (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press).
photo_camera A ministra de Traballo, Yolanda Díaz. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press).

O Ministerio de Traballo e Economía Social reúnese esta segunda feira con CCOO, UXT, CEOE e Cepyme para debater o borrador do anteproxecto de lei sobre a redución da xornada máxima legal, garantindo que non se produza unha diminución salarial, até as 38,5 horas semanais en 2024 e as 37,5 horas en 2025.

O encontro comezará ás 12 horas na sede do Ministerio en Madrid, despois de que os axentes sociais recibisen a pasada sexta feira o texto elaborado polo departamento que dirixe Yolanda Díaz sobre unha das medidas estrela da lexislatura: a redución da xornada laboral, iniciativa que vai acompañada dunha reforma do rexistro horario para garantir que as empresas cumpren os límites legais sobre o tempo de traballo.

Segundo o borrador, Traballo quere multar con até 10.000 euros por traballador ou traballadora as empresas que incumpran co rexistro horario e a redución da xornada semanal máxima a 38,5 horas en 2024 e a 37,5 en 2025. Isto supón un notábel endurecemento das sancións actuais en materia de xornada por dúas cuestións: en primeiro lugar, porque se multará ás empresas por cada traballador co que se incumpran as normas e non de maneira global, e en segundo, porque o importe das multas, tipificadas como infracción grave dos empresarios, serán máis cuantiosas, pasando dun máximo de 7.500 euros a 10.000 euros.

Así, de acordo co borrador, a transgresión das normas e os límites legais ou pactados en materia de xornada, traballo nocturno, horas extraordinarias, horas complementarias, descansos, vacacións, permisos, rexistro de xornada e, en xeral, o tempo de traballo sancionaranse, no seu grao mínimo, con multas de 1.000 a 2.000 euros; no seu grao medio, de 2.001 a 5.000 euros e, no seu grao máximo, de 5.001 a 10.000 euros.

Na lexislación actual da Lei sobre Infraccións e Sancións da Orde Social, coñecida como LISOS, o incumprimento dos límites legais do tempo de traballo sanciónanse con 751 a 1.500 euros no seu grao mínimo; con 1.501 a 3.750 euros no seu grao medio, e con 3.751 a 7.500 euros no seu grao máximo.

Así mesmo, Traballo sinala no borrador, entregado esta sexta feira aos axentes sociais, que se considerará a comisión dunha infracción por cada traballador ou traballadora afectada. No caso de incumprimento das obrigas en materia de rexistro de xornada unicamente se considerará a comisión dunha infracción por cada empregada nos supostos de ausencia de rexistro, así como nos de omisión de datos ou inclusión de datos falsos ou inexactos.

Novo rexistro horario

O texto enviado a sindicatos e empresarios, que será debatido nunha reunión con Traballo a vindeira segunda feira, fixa como obxectivo principal a redución da xornada semanal —en media anual— de 40 a 38,5 horas durante 2024 e a 37,5 horas a partir do 1 de xaneiro de 2025. Pero tamén introduce cambios no rexistro de xornada que se implantou nas empresas para garantir que realmente sexa eficaz.

Este novo rexistro será dixital e accesíbel, de modo automático, para cada traballador ou traballadora, as e os representantes sindicais e a Inspección de Traballo e Seguridade Social. Nestes dous últimos casos deberá, ademais, ser accesíbel de forma remota. A empresa terá que conservar os rexistros durante catro anos e estes estarán ao dispor de traballadoras, sindicatos e Inspección.

Caso dos parciais

Segundo o borrador, os contratos a tempo parcial cunha prestación de traballo de duración igual ou superior a 38,5 horas semanais en 2024 ou 37,5 horas en 2025 converteranse automaticamente en contratos de traballo a tempo completo. En supostos distintos, Traballo estabelece que os traballadores a tempo parcial terán dereito a seguir realizando o mesmo número de horas de traballo que viñesen efectuando antes da entrada en vigor da norma que regula a redución de xornada. Así mesmo, terán dereito ao incremento proporcional do seu salario, segundo proceda.

Comentarios