A factoría que Isidro 1952 ten no Polígono do Espírito Santo (Cambre) foi o epicentro das protestas do cadro de persoal en rexeitamento ao ERE de extinción que presentou a empresa e que suporía o despedimento de 136 persoas e contra da modificación substancial das condicións salariais e laborais que pretende aplicar a dirección.
O comité de empresa reclamou información completa sobre a situación da compañía e pedíu que a dirección presente un plan de viabilidade real para garantir o mantemento dos 225 empregos e o futuro da actividade produtiva. A presidenta do comité, Olga Rodríguez (CIG), asegura que esta segunda feira souberon que a empresa está en preconcurso de acredores que remata o 12 de xaneiro.
Xa están estudando un calendario de mobilizacións a levar adiante en defensa dos empregos e para esixir solucións
Rodríguez sinala que xa están estudando un calendario de mobilizacións a levar adiante en defensa dos empregos e para esixir solucións que garantan a viabilidade dos seis centros de traballo de Isidro 1952 que están, ademáis de en Cambre, en Carballo, Baio, Louro e Valdoviño.
A pasada sexta feira, segundo explica Rodríguez, o comité mantivo unha xuntanza coa conselleira do Mar, o conselleiro de Emprego e Industria, o IGAPE e Xesgaliza para trasladarlles o que está a acontecer nesta empresa que recibiu moitas axudas e demandar a intervención da Xunta na busca de solucións.