O paro aumentou en outubro en Galiza a un ritmo de 60 persoas desempregadas máis cada día

Construción foi o único sector onde non aumentou.

paro desemprego traballo

O paro rexistrado aumentou en Galiza en outubro en 1.846 persoas, unha media de 60 cada día. É un incremento de 1% a respecto do mes anterior, setembro. Ora ben, esa suba é inferior ao que houbo en outubro no conxunto do Estado español, que foi de 1,7%. Se facemos a comparativa interanual, é dicir, de outubro de 2016 a ese mes de 2017, comprobamos que o desemprego rexistrado baixou en Galiza 6,5% mentres que no conxunto do Estado foi de 7,9%.

O paro aumentou en todos os sectores, agás na construción, onde baixou en 355 persoas. En servizos subiu en 1.768, en Industria en 233 e no sector primario en máis de 260.

No mes de outubro rexistráronse 94.870 contratos no noso país, cifra da que a gran maioría (perto de 87.000) son temporais. Máis un dato que incide na crecente temporalidade nos sectores produtivos galegos.

En Galiza hai 989.904 persoas inscritas na Seguridade Social, unha queda de 0,24% respecto o mes anterior (no Estado aumentou a filiación 0,5% nese período). Se pousamos o ollo na evolución interanual, a filiación incrementou no noso país en 1,9% nestes 12 meses mentres que no Estado aumentou en 3,5%.

Comentarios