Paro xeralizado na nova xornada de greve no transporte de viaxeiros

Sindicatos indican un seguimento masivo da convocatoria, que terá continuidade nesta cuarta feira. Instan a Consellería a “mover ficha”.

greve transporte viaxeiros
photo_camera Imaxe: @ramonsarmiento

Nova xornada de greve no transporte de viaxeiros por estrada, a terceira en apernas dúas semanas, e novo seguemento masivo. O paro foi total, algo no que coinciden os sindicatos convocantes, CIG, CCOO e UXT. Os servizos mínimos, 40 por cento nas liñas regulares, tamén se viron afectados pola greve, amplamente secundada polo sector, no que traballan por volta de 7.000 persoas.

A imaxe da xornada son as plataformas das estacións de autocarros baleiras e os buses estacionados nas cocheiras. Para as centrais non hai dúbida de que estamos perante un novo éxito, que evidencia o erro da Consellería de Infraestruturas e o seu plan de transporte. Este mércores, 28 de xuño, hai convocada unha nova greve. Os sindicatos emprazan a Xunta a “mover ficha”.

Os sindicatos (CIG, CCOO e UXT) protestan polo bloqueo do convenio e en rexeitamento do plan de transporte de viaxeiros da Xunta. Unha oposición neste ponto que tamén partilla a propia patronal do gremio. As centrais advirten que ese plan implicaría a destrución de mil dos 7.000 empregos que representa este sector.

A proposta da Xunta prevé integrar servizos escolares nas rotas convencionais. Iso implicaría a desaparición de empregos e de pequenas compañías de transporte que operan no rural. Tamén desde as Anpas rexeitan o plan da Xunta, pois converten o transporte escolar en “transporte de viaxeiros con reserva de praza”.

Comentarios