O persoal do 112 exixe responsabilidades políticas polo deterioro do servizo polo traslado á Estrada

“A neglixente administración dos máis de 8 millóns soterrados na Estrada, en lugar de optimizar o funcionamento do 112, acabou por deteriorar a súa eficiencia”.

112

Desde o pasado 15 de abril o cadro de persoal do 112 está en greve indefinida para denunciar a ‘desfeita’ do traslado do servizo á Estrada, unha “deslocalización” que soborda os prexuízos económicos para os traballadores para entrar no terreo de, como teñen alertado, poñer en risco a vida de persoas. Por iso, desde a  Asemblea de Traballadores e Traballadoras do 112 exixen a asunción de responsabilidades políticas por parte dos dirixentes do Governo autonómico que xestionaron o traslado á Estrada. “Desde que a central de emerxencias foi deslocalizada os tempos de resposta ante as emerxencias disparáronse, ralentizando a xestión dun servizo público esencial para a cidadanía no que a rapidez na mobilización de recursos resulta decisiva. “

O Comité de Empresa xa advertira sobre a precipitación no traslado por causa da inestabilidade da plataforma tecnolóxica. No primeiro mes no novo emprazamento, indican, a aplicación informática “impediu sistematicamente unha resposta áxil e eficiente para a resolución das emerxencias”. A día de hoxe, o programa continúa a ralentizar a xestión, explican.

A plataforma non está, “nin de lonxe, preparada para servir como é preciso a un servizo de emerxencias”, indican os traballadores. “O propio persoal de Atos, a empresa que desenvolveu a aplicación Gemma, acabou por recoñecer que era a primeira vez que lles encargaban un programa sen ter en conta ás persoas que o ían utilizar”.

Acoso e persecución

Denuncian tamén que “o acoso e a persecución dos e das folguistas por parte de mandos da Xunta en nada favorece tampouco á excelencia que o servizo require”. Ante esta situación reclaman enerxicamente que a Xunta adopte as medidas necesarias para identificar e sancionar os dirixentes responsables pola planificación e execución dun gasto neglixente que acabou por deteriorar o servizo. 

Comentarios