Primeira xornada de greve no Sergas a pesar do “boicot” das Xerencias

CIG-Saúde, única convocante, valora positivamente o seguimento do paro.

ser gas greve cig

Primeira xornada de greve no Sergas. CIG-Saúde considera positivo o seguimento, incidindo nas dificultades.  María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, denuncia o intento das Xerencias de boicotear a greve mobilizando persoal de servizos mínimos para ocupar postos de persoas que a están secundando. “Nalgún caso a información que recibimos foi que diante da participación na folga de enfermeiras e enfermeiros de quirófano, outro persoal asumiu o seu traballo como instrumentistas”.

A CIG-Saúde fai un chamamento a participar na concentración convocada para esta sexta feira, día 3, ás 11:00 horas diante da consellaría de Sanidade en San Lázaro. Unha mobilización que coincide coa segunda xornada de folga.

O persoal do Sergas súmase ao rexeitamento da posición da consellaría de Sanidade, que se negou a establecer un calendario de recuperación dos acordos retributivos suspendidos desde o ano 2010 tal e como se lle viña demandando e nin sequera foi quen de comprometerse a fixar a dotación orzamentaria necesaria para garantir que en 2019 comezan a se retribuír os graos da carreira profesional para todo o persoal, fixo e temporal.

O pasado 11 de outubro, seis sindicatos anunciaron a convocatoria dunha folga no Sergas para o 2 e 3 de novembro co obxectivo de devolver ás e aos profesionais da sanidade pública galega unha parte das melloras que conseguiran nos acordos de 2008 e que foron anuladas no momento en que Feijóo brandiu o argumento da crise e da austeridade que levou ao sistema sanitario público a un retroceso histórico. Un compromiso difuso adquirido o 27 de outubro convenceu todos os axentes sociais para se descolgaren da folga. Todos agás á CIG, que mantivo a convocatoria.