Un tribunal da UE declara ilegal a sucesión de contratos para cubrir prazas estruturais

CIG-Saúde lembra que o Sergas leva anos cubrindo prazas estruturais con contratos temporais.

Sergas

Cubrir prazas estruturais no Sergas mediante a sucesión de persoal con contratos temporais é algo habitual desde o 2009, ano do desembarco de Núñez Feijóo na Xunta. CIG-Saúde fai esta afirmación ao tempo que informa como un tribunal da UE vén de declarar que esta práctica vulnera a normativa europea sobre o traballo de duración determinada. A sentenza da UE responde a unha cuestión formulada desde un xulgado de Madrid a raíz dunha denuncia presentada por unha enfermeira que foi cesada após sucesivos contratos temporais para cubrir prazas estruturais.

A resposta do tribunal europeo é clara: “A norma española permite a renovación de contratos de duración determinada para cubrir necesidades permanentes e estábeis, a pesares de existir un déficit estrutural de postos de traballo, e infrinxe o Acordo Marco”

A resolución afirma CIG-Saúde, reforza a demanda do sindicato nacionalista a respecto da necesidade de eliminar de vez a taxa de reposición, rematar coa precariedade laboral e que o Sergas sente negociar na mesa sectorial un plan de emprego plurianual. “A taxa de reposición non ten sentido, o que ten que facer a administración é negociar un plan de emprego plurianual, determinar que prazas están nesta situación e  que sexan cubertas con interinidades, asignadas seguindo o estabelecido no Pacto de Contratación”, apunta María Xosé Abuín, .secretaria nacional de CIG-Saúde. 

Comentarios