UXT, CCOO e USO asinan un acordo para o ERTE en Ferroatlántica que non subscribe a CIG

Manifestación Ferroatlantica (Foto: GZContrainfo)
photo_camera Foto: GZContrainfo

UXT, CCOO e USO asinaron un acordo con Ferroatlántica para a aplicación do expediente de regulación temporal de emprego  (ERTE) que a empresa expón polo prezo da enerxía e o resultado da poxa de interrumpibilidad. Unha medida que afceta as plantas de Cee-Dumbría e Sabón, na Coruña. A CIG non asinou por non contemplar o ERTE “nin unha soa garantía de emprego e de produción industrial para as fábricas galegas”.

O sindicato afirma nun comunicado de prensa que "pelexou" até "o último momento" para que se incorporasen no documento cláusulas respecto destas garantías e engade que estaba disposta a "rebaixar" as demandas sobre complementos salariais "para chegar a un entendemento". "O prioritario non son cuestións económicas puntuais, senón o mantemento dos empregos e da actividade produtiva", destaca a CIG.

Para a CIG este é “un mal acordo que non ten garantías de emprego e que deixa as fábricas de Ferroatlántica no mesmo escenario no que estaban a 1 de xaneiro: con fornos parados e unha enorme incerteza”. De feito, indica, no documento establécese que o ERTE aplicarase inicialmente dende o 1 de marzo até o 28 de febreiro de 2021, mais ábrese a posibilidade de que este se prorrogue despois desa data.

A central reitera o chamamento á Xunta para que faga valer as cláusulas concesionais das minas e das centrais hidroeléctricas como mellor garantía da viabilidade das fábricas e do mantemento dos empregos. 

Comentarios