O pasado 20 de setembro miles de persoas se manifestaron nas rúas de Vigo por un emprego digno e contra o paro e a precariedade, convocadas pola CIG. Unha imaxe que volverá repetirse esta cuarta feira, 30 de novembro. Volve convocar a central nacionalista e os motivos volven ser os mesmos. Contrarestar “a narrativa oficial sobre a suposta recuperación económica” e retomar “a mobilización e o conflito “como única forma de mudar de raíz as políticas económicas, laborais e sociais que provocan a situación actual”.
O secreatario comarcal da CIG, Alberte Gonçalves, afirma que continúa a destrución de postos de traballo. “Só na cidade de Vigo, en outubro deste ano había 3.300 persoas menos traballando que o ano anterior”. As persoas desempregadas na comarca superan as 50.000. Unha realidade á que sumar a de que cada mes, 9 de cada 10 dos contratos que se asinaron foron eventuais. Ou que o naval está nun momento preocupante, cunha carga de traballo moi por baixo do seu nivel produtivo; ou ben o aumento da precariedade na automoción, os baixos salarios e a ameaza da deslocalización.
O sindicato reivindica un plan de desenvolvemento industrial para a comarca, así como a aplicación da lei do sector naval ou crear un plan galego para a automoción, entre outras medidas.