Caos no 112

A xestión das emerxencias, entre a precarización e a ineficacia

O Centro de Atención ás Emerxencias 112 está en pé de guerra. Logo de que a Xunta gastara millóns na construción dunhas novas instalacións na Estrada, a empresa concesionaria do servizo, Telemark Spain, con sede en León, escatímalles ás 80 traballadoras e traballadores a compensación económica polo traslado. Ademais, a nova plataforma informática de xestión alonga os tempos de reacción. Un auténtico despropósito. Todo, no Sermos 244. Eis un extracto.

[Imaxe: UME]
photo_camera [Imaxe. UME]

Mentres o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, sostén que durante o traslado do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia 112, o pasado 18 de abril, non houbo nin un só incidente, as traballadoras que desenvolven esa función a través dunha empresa concesionaria con sede en León aseguran todo o contrario. Unha delas, que opta por se manter no anonimato, sinala que, á marxe dos prexuízos económicos para o plantel, a plataforma informática que dá soporte ao servizo “non funciona e ralentiza o noso traballo”. Relata que, de feito, “foron moitas as xornadas nas que tivemos que traballar manualmente: o programa párase, non refresca e tardamos unha media de tres minutos en crear unha incidencia cando antes en 20 segundos un sanitario xa estaba tramitado”.

2A situación, subliña, é caótica. “Agora”, explica, “temos que agardar a que cree a incidencia, temos que agardar a que cargue os recursos porque están baleiros e tes que buscalos manualmente, co que perdes tempo en buscalos, activalos e chamalos un por un…”. E aínda hai máis: “Ao ser unha plataforma”, puntualiza, “tes que ter pechado o teléfono porque se entra outra emerxencia, acumúlase, así que hai que crear outra incidencia e mobilizar outros recursos. Hai que ter en conta que non é o mesmo mobilizar un sanitario que atender un lume ou unha fuga de gas”.

[Podes ler o texto íntegro no número 244 do Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]

Comentarios