DECLARADOS NULOS 672 DESPEDIMENTOS, 46 DELES NA CORUÑA

A Audiencia Nacional anula o ERE de Atento pactado pola empresa con CC OO e UGT

A Audiencia Nacional acha que durante a tramitación do ERE se produciu unha "vulneración das liberdades sindicais"

Atento
photo_camera [Imaxe Atento]

O Tribunal tumbou o acordo asinado entre CC.OO-UGT e Atento para aplicar un ERE extintivo na empresa de telemarketing. En total víronse atinxidas 672 persoas no conxunto do Estado español, de entre elas 46 na Coruña. O ditame da Audiencia Nacional pon fin a un conflito que se prolongou durante 2014, ao declarar a nulidade dos despedimentos debido ás "irregularidades" no proceso de consulta do cadro de persoal e a "vulneración das liberdades sindicais". 

Manuel Creo é representante sindical da CGT e Atento-Coruña. En conversa son Sermos Galiza, explica que esta foi "a primeira vez que Atento utilizou un ERE para se desfacer de centos de traballadores". Con anterioridade, acrecenta, "empregara reducións de xornadas" e "deslocacións". En boa medida, continúa Manuel Creo, "parte do que alegaba a empresa para proceder aos despedimentos era que a repatriación das chamadas --que viñan asumindo operari@s de Latinoamérica-- lle facía imposíbel, debido aos custos, manter o cadro de persoal". 

Destarte, as centrais sindicais (CGT, CIG, USO, STC, UGT, CC.OO e FASGA) encetaron unha negociación coa dirección da teleoperadora "durante o tempo que permite a lei, 30 días". Segundo Manuel Creo, inicialmente "todo apuntaba" a que se estaba a manter unha unidade sindical, mais "no último momento, CC.OO e UGT preferiron asinar un mal acordo a unha sentenza desfavorábel, segundo lle dixeron aos traballadores". 
 

O Tribunal declara nulo o referendo por vulnerar as "liberdades sindicais"

No procedemento para ratificar o acordo radica o cerne da sentenza ditada pola Audiencia Nacional española. Para refrendar o ERE as centrais sindicais UGT, CC.OO e FASGA condicionaron o acordo ao desenvolvemento dun referendo entre o cadro de persoal. Porén, "a sentenza tomba a consulta" porque no decorrer da consulta "as demais centrais sindicais non puidemos participar, nen acceder aos censos, facer parte das mesas de votación...", explica Manuel Creo. 

Manuel Creo (CGT) critica a "covardía" de CC.OO e UGT por asinaren un acordo "vergoñento". "Foi unha traizón aos traballadores", di

Todas as irregularidades acometidas foron consideradas polo tribunal razón para declarar nulo o ERE e os despedimentos, após denunciaren o acontecido as centrais sindicais que non participaron no acordo. Para a CGT, o comportamento de CC.OO e UGT foi "impresentábel" e "vergoñento". Unha actitude de "covardía" e "traizón" aos intereses do persoal de Atento pois, explica, "a empresa era incapaz de xustificar os despedimentos". 

Ambos os dous sindicatos foron parte demandada na Audiencia Nacional. "Non sei que farán", recoñece Creo, após evidenciárense a forma irregular na que procederon. "A súa actitude, ademais, facía moi complexo para nós dar volta aos despedimentos" pois algunhas das persoas que traballaban en Atento asinaron o ERE e cobraron a indemnización. "Deixáronnos case sen opcións para reverter" os despedimentos. 

Readmisión do persoal despedido

Así as cousas, acrecenta, o cadro de persoal "sente satisfacción" porque "a loita na rúa serviu para presionar a empresa e os propios sindicatos". Agora que se declarou a nulidade dos despedimentos, Atento está obrigada a readmitil@s e a pagar os salarios adebedados durante o tempo en que foi executado o ERE. 

"No sabemos que fará a empresa, polo de agora conta con 5 días para recorrer perante o Supremo", sinala Creo, "os traballadores están confundidos". Para esclarecer a situación, esta sexta feira (14 de novembro) o cadro de persoal da Coruña reunirse en asemblea. 

Comentarios