Agora

O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, e Valeri Zaluzhni. (Foto: Presidencia de Ucraína)
Agora

Zelenski destitúe Zaluzhni, que lideraba até o de agora as Forzas Armadas de Ucraína

Despois de multiplicarse nos últimos días os rumores ao respecto, o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, resolveu hoxe destituír Valeri Zaluzhni, que encabezaba as Forzas Armadas do país eslavo, e que foi substituído por Oleksander Sirskii, que lideraba as forzas terrestres. Zelenski e o xa ex responsábel do Exército tiveron varios choques a partir do fracaso da contraofensiva militar ucraína do pasado ano.

Agora

Eric Dopazo saca á luz o seu primeiro traballo, 'Sóbrannos ganas'

Esta sexta feira, 9 de febreiro, publícase Sobrábannos ganas, o primeiro EP de Éric Dopazo, producido por Jose Gayoso, en colaboración co proxecto Piratas sen parche (Diego, P. Castro, Kinhos Saburido e Jose Gayoso). Apóiase nun par de temas previamente publicados, como son "Gorda", un canto ao apoderamento dos corpos non normativos e "Eduardita", a homenaxe ao icónico Eduardo Blanco Amor. Os temas novos comezan con "Bibosi e motacú", que fala dunha complicada relación a distancia na que ambas persoas só queren enredarse unha na outra. A outra novidade é "A Balada do Bernardino", unha canción de amor titulada na honra do icono ourensán Bernardino Garrido. Aderezada cun fragmento prestado do escritor, artista multidisciplinar e cantante de ChopChop, Xelís de Toro. 
O ferro compartirá protagonismo co ouro, a prata e o bronce. (Foto: Europa Press).
Agora

Haberá un anaco orixinal da Torre Eiffel en cada unha das medallas dos Xogos Olímpicos de París 2024

O Comité Organizador dos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París deste próximo verán presentou este xoves as súas medallas para ambos os eventos, con protagonismo para a Torre Eiffel, un dos grandes emblemas da capital francesa e que adornará cada presea cunha peza orixinal da construción. Segundo indicaron os organizadores, a súa Comisión de Atletas, presidida polo exbiatleta Martin Fourcade, participou na procura dunha idea que simbolizase "a identidade" destes Xogos e que era "obvio asociar o monumento icónico de Francia e París, a Torre Eiffel, co obxecto máis prestixioso dos Xogos, a medalla". Deste modo, cada medalla olímpica e paralímpica está engastada cunha peza de ferro orixinal do monumento construído entre 1887 e 1889 por Gustave Eiffel. "Para os Xogos de París, a Sociedade Operadora da Torre Eiffel permite que estas auténticas pezas da historia parisiense e francesa volvan atopar a gloria", celebrou o Comité Organizador.

Pinchi, á esquerda, co presidente do Rácing, Manuel Ansede. (Foto: Rácing Club Ferrol).
Agora

O Rácing de Ferrol presenta Pinchi

A gran revelación da Segunda División, un Rácing de Ferrol que ocupa o terceiro posto da clasificación, empatado a 42 puntos co segundo -que outorga o ascenso directo á máxima categoría- e a só catro do líder, presentou onte a súa última fichaxe no mercado invernal, Óscar García Quintela, Pinchi. Os Diaños Verdes fecharon a súa contratación poucas horas antes do límite, após chegar a un acordo co Caykur Rizespor da Superliga turca, que accedeu a ceder até o 30 de xuño un futbolista que non tivo moitas oportunidades de demostrar a súa calidade no conxunto da localidade costeira de Rize, pois só contou con 371 minutos. Non obstante, a pesar da súa xuventude (28) conta con experiencia en clubs como Deportivo, Estremadura, Mirandés ou As Palmas, e agarda contribuír co seu talento, velocidade e gol a que o Rácing siga sorprendendo na Segunda. "O Rácing fixo un gran esforzo para estar aquí, e eu tamén, porque necesitaba minutos, así que volvo a casa e a ver que tal sae todo", manifestou durante a súa presentación un Pinchi que ocupará a ficha de Fernando Pumar.
Parque eólico operativo en Esgos, na comarca de Ourense (Foto: Agostime / Europa Press).
Agora

Arquivado por non superar o trámite ambiental un parque eólico entre Cabana e Zas

A Consellaría de Economía, Industria e Innovación vén de arquivar o expediente para a construción do parque eólico Monte Agrelo e Muriño, situado entre os municipios de Cabana de Bergantiños e Zas (Terra de Soneira), despois de non superar o trámite ambiental. Nunha resolución publicada hoxe no DOG, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais informa de que se denega a solicitude de autorización administrativa previa e de construción deste proxecto promovido por EDP Renovables, á vez que se cancela a garantía económica depositada pola empresa de case 2 millóns de euros. En marzo de 2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental denegara a declaración ambiental a este parque eólico.
Un avión no aeroporto coruñés de Alvedro. (Foto: Imaxepress)
Agora

O temporal obriga a desviar a Madrid dous voos con destino A Coruña e outro que debía aterrar en Santiago

A borrasca Karlotta, que afecta Galiza desde a madrugada desta quinta feira, provocou varias incidencias no tráfico aéreo nos aeroportos da Coruña e Santiago de Compostela. En concreto, segundo informaron fontes de Aena citadas pola axencia Europa Press, no caso de Alvedro esta mañá non puideron aterrar dous voos procedentes de Madrid e que, por mor do vento, tiveron que regresar á súa orixe. Do mesmo modo, o vento tamén impediu que aterrase en Santiago de Compostela unha aeronave procedente de Bilbao, que foi desviada tamén a Madrid. O aeroporto de Vigo, polo de agora, opera con normalidade.
O presidente Rebelo de Sousa e o primeiro ministro Costa en 2023. (Foto: Rita Chantre / Europa Press / Contacto)
Agora

O presidente e o primeiro ministro luso cuestionan as ameazas do sindicato policial sobre as eleccións

Despois de que Armando Ferreira, presidente do Sindicato Nacional da Polícia portugués, indicara que as eleccións de marzo podían estar en risco polo papel das e dos axentes nos comicios, o presidente Marcelo Rebelo de Sousa insistiu hoxe en que non pode haber protestas “que poidan levantar dúbidas sobre a realización das eleccións”, após o primeiro ministro António Costa trasladar o seu “repudio” ás declaracións de Ferreira.

A proba formaba parte do calendario do Campionato de España. (Foto: Rally da Auga).
Agora

Adeus ao Rally da Auga

Unha proba histórica do automobilismo galego, o Rally da Auga -na que participaron lendas como Nani Roma ou Nasser Al Attiyah-, non formará parte do calendario dos Campionatos e Copas de España de Rallys por vez primeira en dez anos debido ao "cansazo" das persoas organizadoras e á "falta de apoio institucional". Así o anunciaron a Agrupación Deportiva Noroeste Motor e o Comité Organizador do Rally da Auga, quen confirmaron nun comunicado que a carreira, que estaba prevista para o 12 e 13 de abril, non se levará a cabo neste 2024. "Por un lado, o noso esgotamento organizativo, e, polo outro, a incerteza institucional local no ámbito deportivo e económico, lévanos a tomar esta difícil decisión tras unha coidadosa consideración e avaliación da situación actual", engadiron.
 
Egan Bernal, gañador do Giro 2021, correrá O Gran Camiño co Ineos. (Foto: EP).
Agora

O Ineos, nova confirmación para O Gran Camiño 2024

A antiga Volta Ciclista á Galiza profesional, agora coñecida como O Gran Camiño, conta cunha nova confirmación de cara á súa edición 2024, que botará a rodar o día 22 de febreiro. Trátase do equipo británico Ineos Grenadiers, considerada como un dos máis importantes do pelotón internacional, que chegará a territorio galego coas súas principais estrelas agás o galés Geraint Thomas, gañador do Tour de Francia en 2018. Así, a afección do país terá a oportunidade de seguir de primeira man as evolucións do colombiano Egán Bernal -vencedor do Tour 2019 e do Giro de Italia 2021-, do campión do mundo en 2014 Michał Kwiatkowski ou do prometedor Carlos Rodríguez.  
Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 da Galiza, no municipio da Estrada (Foto: Europa Press).
Agora

Morre unha persoa após colisionar dous vehículos na A-55, ao seu paso por Porriño

Unha persoa faleceu na noite desta terza feira ao bater dous coches na A-55, no termo municipal de Porriño (comarca de Vigo), segundo informou o 112 Galiza. A colisión entre os dous vehículos produciuse, en concreto, no quilómetro 21 da citada autovía, obrigando os bombeiros intervir para liberar o corpo do falecido. 
Santos xogou no Dépor durante dúas tempadas. (Foto: RC Deportivo).
Agora

O Arenteiro fecha a fichaxe de Christian Santos

Din que un cravo saca outro cravo, e neste caso o Arenteiro, que recentemente perdeu o goleador venezolano Miku, optou por substituílo por outro goleador venezolano, Christian Santos. O atacante de 35 anos, que militou no Deportivo da Coruña durante as tempadas 2018/19 e 2019/20, chega ao Carballiño coa carta de liberdade e, segundo declarou o director deportivo do Arenteiro, Álex Vázquez, coa intención de achegar "experiencia" e gol .
 
O presidente de Colombia, o progresista Gustavo Petro. (Foto: Chepa Beltran / Vwpics / Europa Press / Contacto)
Agora

Colombia e o ELN pactan unha nova prórroga do alto o fogo mentres avanzan as negociacións de paz

O Executivo de Colombia e o Exército de Liberación Nacional pactaron na madrugada de hoxe prolongar durante seis meses máis o alto o fogo bilateral, que se desenvolve en paralelo ás negociacións para a desmobilización da guerrilla, que se comprometeu de “forma unilateral” a suspender os secuestros por motivacións económicas. O cesamento de hostilidades bilateral está en vigor desde o 3 de agosto de 2023.

Hai dous anos, en decembro de 2022, anunciou que padecía ELA. (Foto: Europa Press).
Agora

Adeus ao histórico porteiro galego Miguel Ángel

Loito no fútbol galego polo falecemento aos 76 anos de idade dun xogador histórico, Miguel Ángel González Suárez, quen en decembro de 2022 revelaba que padecía Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA). Nado en Ourense en 1947, este "galeguista", segundo explicaba o xornalista Afonso Eiré para Vía Galega no 2021, participou en dous mundiais (1978 e 1982) e defendeu as cores do Real Madrid entre 1968 e 1986.
 
Irene (esquerda) e Delia (centro) foron chave no éxito cercedense. (Foto: FGDA).
Agora

Vitorias para Gharaboto e Cochiqueiros na Liga Atlántica de Billarda

A Liga Atlántica de Billarda viviu unha dupla xornada que trouxo contigo senllos triunfos para Gharaboto de Marín e Cochiqueiros de Cerceda. Esta última formación, o equipo vicedecano da Conferencia Noroeste (2010), arrasou en Soandres comandada pola actuación individual de Irene, que foi a mellor na categoría feminina, mais na absoluta impúxose un competidor de Campo da Feira de Paiosaco, Xulio Ponte. No referente á Conferencia Rías Baixas, Gharaboto brillou en Meira, onde nin os locais Corredoiras nin os sempre potentes palanadores de Lúa de Forza de Sanxenxo conseguiron sequera facer dubidar da súa vitoria. E iso que na modalidade individual absoluta venceu un de Corredoiras, o actual campión da Liga Atlántica de Billarda, Beni Resille. 
Bombeiros chilenos en tarefas de extinción o domingo. (Foto: Matias Basualdo / Europa Press / Contacto)
Agora

Máis de 120 falecementos polos incendios que asolan a rexión chilena de Valparaíso

O Servizo Médico Legal de Chile elevou hoxe a 122 a cifra de persoas mortas na vaga de incendios que está a afectar a Valparaíso, no centro do país, no que a segunda e terza feira foron declarados como xornadas de dó nacional polas vítimas do lume, nunha área na que se decretou o estado de excepción. Hoxe había 40 incendios activos que estaban a ser combatidos polos equipos de bombeiros, ao que hai que engadir 19 en observación.

Protesta do persoal da sanidade privada, esta segunda feira en Compostela (Foto: Arxina).
Agora

O persoal da sanidade privada pide que a Xunta interceda ante o bloqueo da patronal á renovación do convenio

Persoal da sanidade privada da provincia da Coruña concentrouse esta segunda feira ante a sede do Sergas para demandar á Consellaría de Sanidade que “interceda” ante a patronal deste sector, a Asociación de Centros de Asistencia Sanitaria, “co fin de romper o bloqueo na negociación do convenio colectivo”. Neste sentido, representantes da plataforma sindical conformada pola CIG, CCOO e UXT rexistraron ademais un escrito no que solicitan ser recibidos polo conselleiro para poder dar traslado da situación na que se atopa o persoal dos centros. No escrito, a representación sindical explica que a día de hoxe “as negociacións atópanse en puntos moi distantes”, principalmente nos temas de xornadas, táboas salariais e complementos. Segundo afirmou Miguel Tizón, representante da CIG na mesa de negociación, a patronal presentou unha nova proposta que segue apostando pola baixada dos trienios e dos tres primeiros días de baixa e que non inclúe o cobro dos domingos. “Estas eran as tres cuestións ás que nós condicionabamos o acordo”, concluíu.
Granxa de gandaría de lácteo en Chantada. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Agora

Entidades agrarias fechan unha táboa de reivindicacións coa vista posta nas mobilizacións

O Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e a Asociación Agraria da Galiza veñen de dar forma á táboa reivindicativa conxunta que defenderán despois do 18 de febreiro. Tal e como xa anunciaron a pasada semana, as tres organizacións agrarias ven necesario "apostar pola unidade de acción para garantir a mellor defensa dos intereses do sector". Neste sentido, nos vindeiros días fecharán o calendario de mobilizacións para as próximas semanas.
Jessica Bouzas (Foto: FGT).
Agora

Jessica Bouzas fica a un paso de facerse co W50 do Porto

A tenista galega Jessica Bouzas, a mellor do país na actualidade, a piques estivo de asinar un 'dobrete' durante a súa mini xira lusa, pois tan só unha semana máis tarde de proclamarse vencedora do torneo W75+H do Porto alcanzou a finalísima do W50 da mesma cidade. O percorrido na cita lusa da de Vilagarcía de Arousa foi inmaculado, pois superou na primeira rolda á checa Nikola Bartunkova; na segunda á local Elizabet Hamalit; en cuartos á eslovaca Polona Hercog e nas semifinais á tamén portuguesa Francisca Jorge sen ceder un só set. Por desgraza, na finalísima a cabeza de serie número '1', a eslovaca Rebecca Sramkova, logrou vencer Bouzas por  un resultado de 7-6, 5-7 e 1-6.
Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza (Foto: Xunta).
Agora

Dous feridos en Valdeorras após unha colisión entre dous turismos e envorcar un deles

Dúas persoas resultaron feridas nas últimas horas, tras a colisión de dous turismos en Valdeorras e o envorco dun dos vehículos, segundo informou o CIAE 112-Galiza.  As testemuñas sinalaron que, no vehículo envorcado, había dúas persoas maiores atrapadas que, aínda que parecían atoparse ben, non podían saír polos seus propios medios.

BIERZO
Agora

Continúan a reclamar desde O Bierzo poder ver a TVG

Continúa no Bierzo a campaña para poder ver a TVG. O colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo informa das numerosas queixas que está a recibir por parte de varios veciños e veciñas da cidade de Ponferrada alertando de que non poden ver a Televisión da Galiza (TVG) "desde hai varios días". "Hai lóxicas dúbidas sobre se este é un problema temporal, pola nova recomposición das canles televisivas, ou resulta estrutural pola alteración permanente da recepción da TVG na rexión do Bierzo, sinalan, ao tempo que piden recuperala "de forma definitiva".