Arancha Nogueira: "O libro trata sobre os procesos de mudanzas e sobre atopar formas de comunicación"

Ademais de facer referencia ao proceso de floración das plantas, 'Antese' é unha obra da escritora Arancha Nogueira. Logo de facerse co Premio Victoriano Taibo no 2021, o poemario vén de ser publicado pola Editorial Galaxia.
'Andar descalza' ou 'Dente de leite' son outras obras de Arancha Nogueira (Foto: Nós Diario).
photo_camera 'Andar descalza' ou 'Dente de leite' son outras obras de Arancha Nogueira (Foto: Nós Diario).

Como foi o proceso de xestación do libro?

A verdade é que foi moi especial. Escribín o primeiro borrador do poemario no parque Begoña Caamaño agardando a que cambiasen as cousas nese momento de incertideza que vivimos todas logo do confinamento. O propio momento de xestación do libro e a súa temática están relacionadas. Interesábame moito falar sobre os procesos de incomunicación, estabelecendo dous tipos distintos. Por unha parte, a incomunicación da filla co exterior, existe un interese romántico que nunca chegamos a coñecer, xa que non lle responde. Logo, está a incomunicación que se produce entre a nai e a filla por seren de diferentes xeracións e comunicarse en códigos distintos. Ao longo do poemario, esas diferenzas vanse limando e finalmente conseguen atopar puntos de encontro, mentres ese interese romántico se vai desdebuxando e pasa a un segundo plano.

A situación que atravesamos sacou á luz, entón, esas diferenzas comunicativas entre xeracións.

Si, penso que foi algo que nos aconteceu a moitas persoas. Ao sermos vítimas dunha situación tan extrema e vernos na obriga de estar na casa tamén fixo que caesen as barreiras entre as diferentes formas de comunicarnos que temos as xeracións. Ese medo e esa incerteza tiñámola todas, entón conseguiu que puidésemos comunicarnos mellor, desde un sentimento máis humano.

Mais tamén nos colocou a algunhas nun lugar de incomunicación con outras persoas que pensabamos máis próximas a nós. Coa chegada da pandemia, producíronse moitos procesos de illamento entre nós e quería pór iso de manifesto. Dalgunha maneira, están ambos os procesos operando: o de atopar puntos de encontro con outras xeracións e outro de incomunicación con xente importante para nós. Non quería que fose un libro soamente de bos e malos, senón de sentimentos complexos, que creo que son os que nos fixo sentir esta situación.

Que papel xoga a natureza en Antese?

Conta cun papel moi importante porque, por unha parte, está en constante metamorfose, como tamén o están o suxeito poético e a nai que a acompaña. Así mesmo, tamén é unha áncora que lle axuda ao suxeito a amarrarse cando todo é incerto. Hai un xardín presente en todo o poemario e ao longo deses tres meses muda, como é normal, xa que as plantas van dando lugar aos seus propios procesos. Aínda así, cando semella que todo é incerto, a natureza continúa aí, polo que dalgunha maneira é unha referencia á que o eu lírico acode constantemente para sentirse máis ancorada ao mundo real.

Que impresións busca trasladar aos lectores?

É un poemario que trata sobre os procesos de mudanzas e sobre atopar formas de comunicación. Todos os cambios, aínda que sexan para ben, implican tamén unha violencia, algo que é desagradábel. Creo que como todas as cousas importantes na nosa vida, estes procesos teñen que ser incómodos. Non quería que fosen soamente unha nai e unha filla que non se comunican e que logo acaban entendéndose, senón reflectir que esas mudanzas son procesos complexos, con cousas boas e outras máis difíciles.

Tamén busco pór de manifesto como, a pesar de que as diferentes xeracións se comuniquen de maneiras case opostas, os sentimentos máis nucleares e máis básicos rematan por ser os mesmos. Cando nos vemos enfrontadas a unha situación como a que provocou a pandemia, os sentimentos de estar illadas, de medo, de incerteza ou de necesidade son os mesmos. Quería tirar esas barreiras entre as diferentes formas de comunicación das persoas. Finalmente, deixar patente tamén o duro que é o proceso de estar incomunicada con respecto a outras. Este eu lírico está constantemente dirixíndose a un outro que está fora da casa e que nunca lle contesta. Buscaba deixar ese pouso da angustia que se produce cando tentamos comunicarnos con outros e iso non acontece.

Comentarios