O certame Enreguéifate dá a coñecer as regueifas gañadoras da edición 2021

O proxecto de improvisación en verso impulsado polos concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Compostela e Teo fallouse esta sexta feira.
asmariasdolamas
photo_camera 'As Marías do Lamas', premio á regueifa máis aguda. (Foto: Nós Diario)

O certame Enreguéifate destinado a apoiar a difusión da regueifa, a improvisación oral en verso, que se centra a través dela na difusión da lingua galega vén de dar a coñecer as gañadoras da edición 2021 nas categorías Escolar e Xeral.

Desde a organización comunican que a pesar de ser este 2021 un ano tamén marcado pola pandemia da Covid-19 e as restricións sanitarias, presentáronse ao Enreguéifate un total de 42 vídeos, 36 na categoría Escolar e seis na xeral.

As participacións chegaron de colexios e particulares desde Ames, Baio (Zas), Cambre, Caldas de Reis, Compostela, Vigo, Mondoñedo, Rianxo, Pontevedra, Moaña, Malpica de Bergantiños, Ponteareas ou Tordoia.

O obxectivo principal deste proxecto, impulsado polos concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Compostela e Teo, é “que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar”.

Deste modo, ademais do concurso de regueifas nas categorías Escolar e Xeral, o certame inclúe accións formativas para alumnado e profesorado ademais de fornecelas de diversos recursos audiovisuais dispoñíbeis no seu portal web e na súa canle de Youtube.

O palmarés 2021

Na categoría escolar resultaron vencedoras as Patakas Bravas do CEIP Cabanas por “A guerra do bonito”, co galardón á regueifa máis brava. Como disputa máis aguda foi recoñecida “As Marías”, improvisada polas Marías de Lamas do CEIP Vicente Risco de Vigo; e o premio á máis diversa recaeu en Pitifláuticos do CEIP Froebel de Pontevedra por “Nós queremos igualdade!!!”.

Nesta categoría a regueifa mellor falada foi, nesta ocasión, a de 21 garabullos do IES Félix Muriel de Rianxo, “A regueixeira”; e a mellor cantada correspondeulle a Dúas moi galegas do IES Maximino Romero de Lema da Coruña coa regueifa “Sons da aldea”.

As regueifas premiadas na categoría xeral foron: Regheifeiras da Pontragha con “Practicando para o vrau”, premio á regueifa máis brava; Patty e Iván venceron coa regueifa máis aguda con “Trocando roles”; “Koruño vs. Rural” foi a regueifa de Chaminho e Arrieiro merecedora do galardón á máis diversa e a máis reivindicativa recaeu nas Canosa por “Máxico e galego”.

Completaron a media ducia de premios da categoría Xeral os premios á regueifa mellor falada e á mellor cantada que recaeron en Xurxo Souto e Óscar o Arrieiro por “Torgho de Bergantiños” e nos irmáns Tato por “Regueifando co protocolo”, respectivamente.

Comentarios