Esculturas, pinturas, deseños en aceiro, pezas en madeira ou fotografías. É parte do que poderán ver os asistentes á exposición retrospectiva dedicada á obra de Luis Caruncho, na Coruña, Geometria Mundi. Afundación organiza na cidade natal do artista unha exposición que permite aos visitantes realizar unha inmersión no mundo creativo do pintor e escultor a través de máis de 100 obras concibidas durante sesenta anos de traxectoria.
A mostra, que se inaugurou onte pola tarde coa presenza do comisario, Juan de Nieves, a viúva de Luis Caruncho, Tatiana Ribic, e Pedro Otero, director xerente de Afundación, poderá visitarse até o 17 de febreiro.
Caruncho. Geometria Mundi exhibe un percorrido global pola obra do artista en formatos e técnicas diferentes, ademais de multitude de pezas de carácter documental que reflicten o universo creativo dun dos artistas máis coherentes e interesantes do panorama artístico peninsular do século XX.
Tal e como expón o comisario da mostra, Juan de Nieves, a exposición foi construída emulando "o mesmo espírito" co que Luis Caruncho "viviu e traballou", indo "desde o micro ao macro". De Nieves destaca que o polifacético artista plástico coruñés disolveu coa súa obra "as fronteiras entre a arte con maiúsculas e as formas que nos acompañan na esfera cotiá, poñendo de relevancia, en definitiva, unha visión honesta e desprexuiciada sobre a función social da arte".
A figura de Luis Caruncho (A Coruña, 1929 – Madrid, 2016) constitúe unha das personalidades de maior relevancia na escena artística e cultural na segunda metade do século XX. As súas contribucións non só se cinguen á súa actividade como pintor e escultor da chamada abstracción xeométrica -ou do postconstrutivismo-, senón tamén ao seu labor como deseñador nun amplo rango de campos e, moi especialmente, nas súas continuas achegas desde e para a arquitectura.
Ao longo da súa carreira, Caruncho investigou incansabelmente sobre a liña, o espazo e a cor, tanto na súa obra pictórica como nas súas esculturas e gravados, xerando un corpus de traballo baseado na repetición e as series, e desde unha estrita fidelidade ao principio reitor da xeometría como método para interpretar o mundo. Con esa mesma visión, proxectou e desenvolveu tamén os seus traballos de deseño, arquitectura, escenografía e interiorismo, sen estabelecer xerarquías entre a súa produción artística e as múltiples aplicacións no resto dos ámbitos nos que afondou.