Contracultura

Elvira Ribeiro: "As obras para crianzas deben conter humor e aventura, son elementos que atrapan"

Elvira Ribeiro, escritora, poeta e tradutora, está a presentar a súa obra Lagarta, Lagarta! que publicou o pasado mes a editorial Galaxia. Ribeiro sinala que se trata dunha historia moi orixinal xa que se pode ler do dereito e do revés; unha estrutura narrativa atractiva e sorprendente para as crianzas. Ademais a peza tamén inclúe "outros niveis cun certo punto crítico e de denuncia", segundo indica a autora. Ribeiro tamén reflexiona sobre a situación da literatura infantil e reivindica a necesidade de promocionar a lingua galega.
Elvira Ribeiro presenta a súa nova obra publicada por Galaxia. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Elvira Ribeiro presenta a súa nova obra publicada por Galaxia. (Foto: Nós Diario)

—De que trata o conto de Lagarta, Lagarta?
É a historia de dúas lagartas, unha é a lagarta animal e, a outra, a lagarta moza. O tema desta obra infantil principal é a reivindicación da voz propia das mulleres que habitualmente se ve silenciada ou apagada pola ollada inquisidora e crítica de certos personaxes masculinos que representan parte do patriarcado no que vivimos.

—As ilustracións son de Sofía Venzel. Como funcionan?
Eu xa coñecía o traballo de Sofía e contactei con ela para proporlle ilustrar a miña historia. Así que o proxecto presentóuselle á editorial Galaxia xa fechado. As ilustracións funcionan moi ben pois amplían o significado do conto. Sofía incluíu chiscadelas de ollo a moitas cuestións engadindo novos niveis de lectura. Desta forma, a historia conta con dúas vertentes: presenta un nivel básico cun ton simpático e divertido, xa que está dirixida á infancia, pero tamén outros niveis cun certo punto crítico,  de denuncia e reivindicacións.

—Que cómpre ter en conta á hora de crear unha historia para crianzas?
No momento de escribir sempre penso na miña filla cando era nena e no que a ela lle gustaba. Coido que as obras para crianzas deben conter algo de humor e de aventura; son elementos que as atrapan. Ademais, tamén considero importante na literatura infantil que a rapazada atope sorpresas no medio da historia. Por iso engado eses outros niveis de lectura dos que falaba para que as persoas adultas poidan percibir cuestións que a rapazada aínda non comprende.

—A obra pode lerse do dereito e do revés.
É o trazo máis orixinal e sorprendente da obra. O libro presenta dúas portadas, por un lado cóntase a historia da lagarta animal e, ao darlle a volta, cóntase a historia da lagarta moza. Ambas as historias se xunta no centro, xusto na páxina central, onde as personaxes se atopan. Ese é o momento máis interesante do libro. Coido que se trata dun recurso moi orixinal e bonito, pois resulta sorprendente atopar esa unión na metade do conto.

Teño contacto con ilustradores de contos infantís e xa coñecía algunha obra que tamén empregaba esta estrutura, polo que cando comecei a pensar na historia xa pretendía utilizar este formato tan atractivo para as crianzas.

—En que situación considera que se atopa a literatura infantil galega actual?
Penso que experimenta un bo momento. O feito de que moitas obras galegas reciban recoñecementos non só no ámbito galego, senón tamén no ámbito estatal ou mesmo internacional, demostra que o nivel é moi alto. De maneira paradoxal, atopámonos nunha situación complicada no que respecta á cultura.

Quizais en momentos de crise coma este unha das cuestións que máis se deixa de lado é a cultura porque non se considera algo fundamental. É por este motivo polo que o papel das institucións debería ser o de velar pola nosa cultura, que se atopa en perigo de desaparición. As Administracións públicas terían que facer un esforzo moito maior en promover a literatura en galego, pero iso debe pasar antes pola promoción da lingua galega. Se non hai falantes non haberá persoas lectoras en galego.

—Seguro que xa ten novos proxectos en mente.
As escritoras sempre temos ideas na recámara. Eu teño a sorte de que o que escribo xa o vou publicando. Si teño proxectos en mente e algunha idea que espera o momento de saír; pero aínda non hai nada definitivo.

Comentarios