CONTRACULTURA

Gloria Pavía, artista emerxente: "Compuxen as cancións do disco pensando en que fosen tocadas en lugares concretos"

Gloria Pavía (Santiago, 1999) está traballando no seu próximo EP xunto co baixista Rafa Morales despois da publicación do seu anterior traballo, Novas flores, e de ser recentemente galardoada nos Premios da Música na categoría de artista emerxente. 
'Novas Flores' foi o primeiro EP de Gloria Pavía. (Foto: Nós Diario)
photo_camera 'Novas Flores' foi o primeiro EP de Gloria Pavía. (Foto: Nós Diario)

Novas flores saía hai case un ano. Cales son as sensacións agora con respecto a este EP?
Diría que moi ben. É certo que non o escoitou tantísima xente, mais a que si o fixo dixo que lle gustou moito. Tamén cadrou moi ben porque o mesmo día que saíu o disco puidemos presentalo no Festival Maré (Santiago), unha casualidade moi linda porque cando me convidaron xa tiñamos esa data marcada para publicar o EP. A raíz de escoitar todas as cancións do disco en directo, moitas das persoas que estaban alí e que non me coñecían buscárono.

Compuxen practicamente todas as cancións do disco pensando en que fosen tocadas en lugares concretos, espazos nos que eu me imaxinaba mentres ía pensando as letras na miña casa. Un deles era a Borriquita de Belém (Santiago), o primeiro lugar onde toquei as cancións cando o disco aínda estaba en proceso, polo que tamén foi unha primeira presentación do proxecto súper especial. Este foi un concerto máis longo que o do Maré e para min foi como pór sobre a mesa todas as cousas nas que estaba traballando. A xente que estaba alí ese día tamén era moi achegada a min, polo que tamén tiven moitas opinións despois sobre os sentimentos e as emocións que evocaba o concerto. Isto axudoume moito á hora de rematar de gravar. 

Creo que nos directos é cando a xente percibe realmente todo o que significan estes lugares para min, e as sensacións que chegan son diferentes a cando o escoitas na casa.

Ademais tamén estivo dando concertos que saen do que fai habitualmente, como Space Mochi. 
Cada ano, no Modus Vivendi (Santiago) fan un ciclo, "Circum", no que tes que dar un concerto ao mes entre xaneiro e abril. Cando me ofreceron a posibilidade de participar, tamén me dixeron que podía facer o que quixera. Así, decidín facer unha cousa distinta cada mes. Space Mochi foi o último que fixemos e estaba inspirado na música xaponesa. 

Eu comecei a cantar porque vin un anime dunhas rapazas que cantaban pop, polo que para min era moi importante facer un concerto con esta inspiración. Tamén é especial, porque foi algo que aconteceu nese marco e que non se vai volver repetir. 

Con respecto aos plans de futuro, hai un novo traballo á vista?
Cando presentamos o disco no Festival Maré, foi o último concerto que fixemos con esa formación. O compañeiro co que tocaba até o momento nestes momentos está traballando noutros proxectos e non pode tocar tan habitualmente. A partir de aí comecei a facer máis concertos con Rafa Morales, un baixista incríbel, e agora mesmo estamos moi a tope con este dúo. Estamos gravando e a nosa idea é poder sacar un EP cos temas orixinais e os arranxos que temos a dúo. Diría que isto é o máis propio que estou facendo agora mesmo porque é unha persoa coa que estou moi cómoda, entendémonos súper ben. Creo que é moi difícil chegar ao punto no que estamos, é algo que me alucina cada vez que comezamos un concerto. É unha sorte que nos atopásemos e sobre todo que tivésemos o espazo para poder tocar a dúo. O 12 de setembro, estaremos no ciclo Terraceamos (Santiago) e o 18 de outubro na biblioteca Ánxel Casal, que me parece un lugar súper especial para tocar. Ademais, neste segundo concerto, contaremos con proxeccións e vai ser bastante distinto aos concertos que facemos habitualmente. 

Comentarios