EN CALO O 9 DE XULLO

O Música na Noite chega á maioría de idade

O Festival celebrarase en Calo o 9 de xullo con presenza de cinco grupos galegos: Zurrumalla, Barbitúricos, O Sonoro Maxín, Maladrómeda e Airiños do Maycar.

osonoromaxin
photo_camera O Sonoro Maxín, unha das bandas que estarán no Festival

O Festival Música na Noite, un dos máis veteranos do panorama estival galego, chega aos 18 anos cunha selección das mellores bandas de rock, folk e hip hop do país. Zurrumalla, Barbitúricos, O Sonoro Maxín, Maladrómeda e Aririños do Maycar actuarán o sábado 9 de xullo no Campo de San Domingo en Solláns, Calo (Teo), para celebrar a maioría de idade do evento, organizado pola Asociación Cultural Lúa Chea. 

Os concertos son de balde e comezan ás 22.00 horas, e neles participan varias das bandas máis interesantes da escena galega. O apartado folk ocúpano Zurrumalla, unha banda viguesa de inspiración tradicional con máis de quince anos e dous discos ás costas. Tamén devotos da festa son O Sonoro Maxín, aínda que a súa música mestura cumbia, rock ou música xamaicana.

Barbitúricos son, pola súa banda, a aposta do Música na Noite 2016 polo rock contundente. Formado por tres clásicos da escena compostelá (Vituco Neira, Xurxo Pinheiro e José Manuel Piedra, integrantes de bandas como Ruxe-Ruxe ou Xenreira), veñen de editar co selo Lixo Urbano o seu primeiro sinxelo, Escravos da Moda / Bonnie & Clyde. Malandrómeda, o dúo de hip hop formado por Hevi y O Master do Son, son o grupo con máis proxección da música galega actual. Os dous enormes discos que editaron este ano co selo Matapadre, Os corenta e oito nomes do inimigo e Cada can que lamba o seu carallo, obtiveron o aplauso da crítica e do público. Pechan o cartel do Música na Noite 2016 a charanga iconoclasta Airiños do Maycar. 

Máis en CULTURA
Comentarios