O festival Maré achega a Compostela as mellores músicas de América Latina

O popular evento alcanza a quinta edición este ano.
Francisco, El Hombre actuará en Compostela. (Foto: Francisco, el Hombre)
photo_camera Francisco, El Hombre actuará en Compostela. (Foto: Francisco, el Hombre)

Maré, o festival de músicas e artes atlánticas, converterá entre o 25 e o 29 de setembro Compostela no punto de encontro para a diversidade cultural de ambas as dúas beiras do Atlántico grazas á participación no seu programa de bandas e solistas procedentes de Brasil, Arxentina ou México.

Coa súa clara vocación de crear sinerxías creativas entre músicos locais e internacionais, a quinta edición deste evento ofrecerá ao público un calidoscopio da multiculturalidade atlántica, propostas consolidadas e emerxentes dende o outro lado do charco.

Un dos nomes máis destacados nesta quinta edición será Francisco, El Hombre, un dos grupos independentes máis importantes no panorama musical da América Latina.

O seu concerto será o sábado 28 de setembro ás 21 horas na Sala Capitol. Desde México, tamén chegará a cantautora Laura Itandehui, cantante mexicana de orixe oaxaqueña e tampica que mestura jazz cun estilo propio e tradición.

A súa voz resoará no Teatro Principal o sábado 28 nunha actuación previa ao concerto que ofrecerá A Pedreira. A Sala Riquela será o escenario para o concerto de Aluminé Guerrero.

O concerto de clausura do domingo 29 homenaxeará a Zecá Afonso na conmemoración do 50º aniversario da Revolución do 25 de abril. Lá no Xepaganra reunirá no escenario a Selma Uamusse (Moçambique), Isabel Novela (Moçambique), Edu Mundo (Portugal), Manuel de Oliveira (Portugal) na guitarra, Dilson Pedro (Angola) na percusión, João Frade (Portugal) no acordeón, Albano Fonseca (Portugal) no baixo e Fred Martins (Brasil).

O Festival Maré, promovido por Nordesía co apoio de institucións como a Xunta da Galiza, a Deputación da Coruña ou o Concello de Santiago e máis entidades como Estrella Galicia, celebra a diversidade cultural e lingüística, promovendo a conexión emocional entre comunidades artísticas, unha plataforma de intercambio cultural.

Comentarios