A Mesa pola Normalización Lingüística ven de pedirlle á Real Academia Galega (RAG) que "alongue" ao 2021 a dedicación do Día das Letras galegas a Ricardo Carvalho Calero. A entidade de defensa da lingua recórdalle á RAG, entidade responsábel da elección da persoa homenaxeada, que a crise provocada pola COVID-19 paralizou gran parte dos actos previstos para a difusión, valorización e coñecemento público da figura e da obra do autor galego, sen que sexa posíbel polo momento propor alternativas.
"Estamos diante unha situación excepcional que obriga a decisións excepcionais".
Segundo recoñece A Mesa nun comunicado, estamos a vivir unha crise sanitaria de graves consecuencias en todos os planos da vida social, económica e cultural. "O curso académico non se retomará con normalidade, librarías e bibliotecas permanecen fechadas, a actividade do asociacionismo cultural está paralizada e isto afecta de igual maneira ao amplo abano de actividades, homenaxes e recoñecementos por todo o país ao autor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2020".
Situación excepcional
"Estamos diante unha situación excepcional que obriga a decisións excepcionais", afirma o presidente da Mesa, Marcos Maceira, na carta remitida esta segunda feira a Vítor Freixanes, presidente da Real Academia Galega.
A estes respecto, a entidade en defensa da lingua lembra que a dedicatoria do Día das Letras Galegas a Carvalho Calero foi motivo de celebración por parte das entidades sociais e culturais da Galiza, polo merecemento do autor e por ser reclamado por moitas destes colectivos desde había moito tempo, entre eles a Mesa pola Normalización Lingüística.
"Todo este tecido social que pula día a día polos avances na normalización da nosa lingua coincide na relevancia da personalidade e ampla obra de Carvalho Calero para o obxectivo común da dignificación e plena reposición do galego en todos os ámbitos".
31 de outubro
A Real Academia Galega anunciou recentemente o adiamento dos actos oficiais do Día das Letras Galegas para o 31 de outubro, no que ademais se celebra o 110 aniversario do nacemento do autor homenaxeado en 2020, Ricardo Carvalho Calero.