A 'Sibila' de Velázquez xa está en Lugo

O cadro de Velázquez 'Sibila' procede do Museo do Prado e poderá visitarse até o 7 de xullo no Museo Provincial de Lugo.
Acto institucional de presentación da 'Sibila' en Lugo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Acto institucional de presentación da 'Sibila' en Lugo. (Foto: Nós Diario).

A Deputada de Cultura na Deputación de Lugo, Iria Castro Fernández, a directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro García, e o coordinador de Conservación do Museo Nacional do Prado, Victor Cageao Santacruz, presentaron onte a obra titulada Sibila, de Velázquez, que poderá contemplarse desde hoxe e até o próximo 7 de xullo no Museo Provincial de Lugo.

A obra, un óleo da etapa de madurez do mestre do Barroco, exponse no refectorio do Museo Provincial de Lugo cunha museografía específica, deseñada para facilitar que o público aprecie as cualidades técnicas e artísticas da obra, e para contextualizar o préstamo no marco da relación que os dous museos manteñen desde hai máis dun século, intensificada nas dúas últimas décadas

Exposición singular

Na súa intervención no acto, a deputada de Cultura sinalou a singularidade da exposición, que trae por primeira vez á Galiza esta obra e valorou o préstamo como “un recoñecemento ao bo facer do Museo Provincial de Lugo durante estes últimos anos”.

A nacionalista Iria Castro destacou que “a exposición supón unha oportunidade para seguir avanzando na proxección estatal e internacional do Museo e tamén da propia cidade de Lugo a partir de recursos patrimoniais e culturais propios”, entre os que destacou a colección de ourivaría antiga, o recentemente incorporado sestercio da caetra e as salas de arte galega contemporánea.

A responsábel de Cultura inscribiu a mostra na vontade da área de Cultura de “democratizar  a cultura, facilitando o acceso e a participación de todas as persoas, "independentemente do lugar en que vivan”.

Por último, a directora do Museo Provincial de Lugo lembrou as iniciativas de proxección institucional e colaboración científica e técnica desenvolvidas polo museo lucense e o Museo do Prado nas últimas décadas. “Cremos que este proxecto contribúe a fomentar as relacións museísticas”, explicou

Máis en CULTURA
Comentarios