Contracultura

Oîma: "Acaba o concepto de grupo, mais seguimos a ser tres persoas amigas e ás que lles gusta a música"

Olalla Liñares, no clarinete de Oîma, fala da disolución do grupo de folk tras sete anos xunto con Antía Ameixeiras no violín e Martiño Senande no acordeón diatónico. Liñares fala de celebrar a despedida, das persoas que estiveron no camiño e dunha última actuación que non foi "un concerto ao uso, senón algo moi especial".
Martiño Senande, Olalla Liñares e Antía Ameixeiras son integrantes de Oîma. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Martiño Senande, Olalla Liñares e Antía Ameixeiras son integrantes de Oîma. (Foto: Nós Diario)

—Como chegou a decisión de pór fin a Oîma?
Foi algo totalmente consensuado que naceu do desgaste: levabamos unha tempada tirando do proxecto, notando que a ilusión non é a que era e sentindo unha carga. Sendo realistas, Antía é a única do grupo que se dedica profesionalmente á música e ao final non podíamos dedicarlle ao proxecto o tempo que nos gustaría. Para facelo a medio gas preferimos pórlle o punto e final, celebralo como é debido e quedar cun bo sabor de boca.

Hai que ter en conta que cando comezamos as circunstancias eran outras: tiñamos un perfil de estudantes, con moito máis tempo para dedicarlle. Ademais, no medio estivo a pandemia e, non é por botarlle a culpa de todo, nós acababamos de sacar disco e cortouse a xira de presentación.

—Entón hai posibilidade de ter carreiras individuais?
Antía claramente si, porque ademais ten outros proxectos que a nós nos encantan e que apoiamos. Martiño continúa indo ás súas clases de acordeón, e estou segura de que non quere aparcar o instrumento, e eu igual. Do mesmo xeito, tamén estou segura de que non imos deixar de tocar as tres xuntas. Acaba o concepto de grupo, mais nós seguimos sendo tres persoas que son amigas ás que lles gusta a música. 

—A despedida foi o 2 de outubro na sala Malatesta a modo de celebración.
A nosa idea era facer unha celebración, porque non é algo que acabe mal. Simplemente non queremos ser un deses grupos que quedan no esquecemento e que tocan unha vez cada moito. Queremos ser un grupo activo e nestes momentos non podemos. O concerto que anunciamos como a nosa despedida, finalmente foi  unindo forzas con De ninghures. As persoas dese grupo son amigas nosas, gústanos moito o que fan e xusto neses días ían presentar o seu primeiro disco, Aquí. Pensamos que facer dous concertos de folk na mesma fin de semana nunha cidade como Santiago ía ser saturar.

Adquiriu un certo simbolismo porque nós marchamos e eles, aínda que xa levan anos tocando, dan a benvida a ese primeiro disco. Tamén hai simbolismo no feito de que fora a Malatesta, xa que o primeiro ano no que nos formamos organizamos un concerto alí do que gardamos moi bo recordo, especialmente porque foi unha iniciativa nosa. De feito, tocaramos nós e as Tanxugueiras, que daquela estaban comezando.

Tampouco foi un concerto ao uso, foi algo moi especial con colaboracións e sorpresas... mais sobre todo foi un espazo no que todo o mundo se sentiu cómodo, no que puidemos vernos as caras e bailar, desfrutando tras tanto tempo sen poder facelo como queriamos. 

—Que se levan de Oîma?
O outro día xustamente volvíamos de Tomiño dun dos últimos concertos e iamos falando no coche lembrando todos os lugares nos que tocaramos, porque fixemos moitos quilómetros. Penso que contamos máis de cincuenta e de feito, só na cidade de Santiago, tocamos en quince espazos diferentes. Sobre todo, levamos a satisfacción de facer algo sempre como quixemos sen presións de ningún tipo sen deixarnos levar demasiado polo comercial.

Se penso na Olalla de cando comezou este grupo e na de agora, a nivel musical aprendín unha barbaridade, igual que sobre o xeito de estar enriba dun escenario. Levamos con nós a todas as persoas que foron aos nosos concertos, que estiveron bailando e apoiando durante estes anos. Tamén teño que mencionar a Aitana Cuétara. Hoxe en día se non estás en mans dunha produtora é moi difícil estar nesta industria porque a xestión case leva máis tempo que a propia música. Desde hai un par de anos estamos traballando con Luneda Producións e ela facilitounos moito o camiño. É un deses nomes que hai que citar por todo o que nos axudou.

Comentarios