Pilar Martínez, 'Pilocha': "Neste disco hai cancións que pasaron a formar parte do acervo cultural do país"

Revivir álbums que marcaron á historia da música galega. É o fin principal que persegue o ciclo Pioneirxs da música galega, posto en marcha pola Deputación da Coruña. O primeiro concerto decorrerá este sábado no Teatro Colón e contará coa cantautora Pilar Martínez 'Pilocha', que recuperará o repertorio do seu disco homónimo.
Pilocha (Pradero)
photo_camera 'Pilocha' é tamén o nome do primeiro disco de Pilar Martínez, editado no ano 1978.(Foto:Pradero)

Pilocha é considerado o primeiro álbum de jazz-fusión da música galega. Como foi o seu proceso de creación?

A min sorprendeume esa definición de jazz-fusión en galego, a verdade é que a miña intención tampouco era esa. Quizais despois véndoo baixo un prisma máis obxectivo, se poida relacionar con ese movemento de jazz-fusión en galego. Tampouco é algo que me vaia quitar o sono. O disco foi traballado dunha maneira moi anovadora, xa que se empregou unha instrumentación que daquela non era habitual e supuxo unha sorpresa bastante grande.

Ademais diso, leva todo un abano de posibilidades musicais, posto que o que fai é reflectir o que eu facía nese momento. Entón, hai pezas de corte tradicional, pero tratadas despois dunha maneira moi elaborada e moi depurada como O sancristán de Coimbra ou mesmo O alecrín. Logo, tamén inclúe temas cun corte moito máis clásico, por exemplo A miña amiga de Xosé Quintás Canella, que a fixen ao meu gusto, igual que O alecrín. Despois de recibila dunha maneira, vaise transformando pouco a pouco cando a vas traballando noutra cousa completamente diferente. Aí está o teu labor diante das cancións. O que fixen foi amosar o traballo que estaba a levar polos palcos naquel entón.

Que oportunidades ofrece esta iniciativa?

O ciclo, que para min é fantástico, ten unha característica importante e é que nos permite facer a cadaquén o que cremos máis oportuno con ese traballo agora mesmo. Hai a posibilidade de facelo desde esa idea do cantautor daquel momento, que iamos con escasa instrumentación e poucos medios técnicos facer país. Poderiamos amosalo directamente ao público de hoxe, que seguro que sorprendería ver como se facían as cousas por aquel entón.

Por outra banda, tamén podería levarse a cabo unha reinterpretación desas cancións. Eu optei pola segunda opción. Teño máis interese en que se escoiten eses temas baixo o prisma da actualidade, como se poderían tratar hoxe e ver a súa actualización, pero sen deixar de intuír partes nas que se fai ese revival de escoitar o que era o cantautor ou cantautora coa súa guitarra. Esa é unha das grandezas do ciclo, poder amosar cada un como quere a seu traballo.

Esa esencia, entón, seguirá estando presente.

A esencia sempre vai estar aí. De feito, neste disco hai cancións, con toda a humildade, pasaron a formar parte do acervo cultural do país. O sancristán de Coimbra séguese a escoitar hoxe en reunións familiares, de amigos... e dalgunha maneira ven de aí. Tamén O alecrín, que aínda se canta e hai rúas, bares e asociacións co seu nome. A min iso paréceme un fortuna, poder aportar algo e que quede aí é fantástico, pero velo desde un punto de vista actual tamén é interesante.

Que supoñía cantar en galego naquel momento?

Realmente, sempre houbo moitas posibilidades de cantar en galego, a pesar de que non estaba ao noso alcance. Eu comecei a cantar no instituto e daquela achei, a través dunha amiga, uns singles que editara Xistral en Barcelona con temas en galego, foi un descubrimento inmenso. Empezas a meterte nese mundo e atopas poemas marabillosos en galego e auténticas xoias. Poder pór todo iso en valor e utilizalo co fin de poñerlle música e facelo coñecido para a xente é algo que non ten prezo. Todo iso estaba aí, non é que non existise, senón que non estaba ao noso alcance.

De feito, pagamos un prezo moi alto en moitos casos por poder cantar esas cousas. Había que pasar unha censura e pagar moitas multas por “atentar contra a unidade da patria”. Na Galiza temos grandes escritores e escritoras e uns músicos que daquela non tiñan posibilidade de formarse como tal. Agora temos un país moi rico en profesionais da música e ogallá poidan dedicarse todos sen ter que marchar.

Máis en CULTURA
Comentarios