'Sons para un regreso', ex bolseiras da Deputación volven á Coruña

A iniciativa parte da área de Cultura da Deputación da Coruña e procura dar a coñecer as músicas que comezaron co apoio desta institución.
As catro ex becarias xunto ao deputado de Cultura (Deputación da Coruña).
photo_camera As catro ex bolseiras xunto ao deputado de Cultura. (Foto: Deputación da Coruña)

Rosalía Gómez Lasheras, Patricia Cadaveira, Ana Yáñez e Alma Sarasola son as músicas que tiveron oportunidade de formarse fóra da Galiza grazas ao apoio da Deputación da Coruña.

Agora esta institución, a través da súa área de Cultura, permitirá coñecelas nuns concertos que realizarán no Teatro Colón os días 6 e 7 de xaneiro de 2022 dentro da experiencia 'Sons para un regreso'. 

As catro actuacións irán acompañadas de espazos de faladoiro para dar coñecer mellor as artistas participantes e as súas traxectorias.

O xornalista Anxo Quintela, premio nacional de xornalismo cultural, conducirá estas pequenas conversas, introducindo ás verdadeiras protagonistas, as bolseiras, nesta primeira edición todas mulleres, que veñen desenvolvendo unha carreira en solitario ou como integrantes de distintos tipos de agrupacións. 

Artistas cunha extensa traxectoria

O día 6 será a quenda da pianista Rosalía Gómez Lasheras, intérprete de piano amplamente eloxiada pola crítica, que está a desenvolver unha intensa carreira ao longo de escenarios de toda Europa, Oriente Medio ou Estados Unidos de América; e da saxofonista Patricia Cadaveira, quen combina a súa faceta creadora, tamén de bandas sonoras, coa de instrumentista e docente.

Esta última subirá ao palco arroupada por Marés Sonoras, proxecto do que é cofundadora. 

O día 7 veremos as propostas das tamén docentes Ana Yáñez, guitarrista que se presentará co seu trío de guitarras Tres Trastes, formación cun orixinal repertorio; e Alma Sarasola, membro fundadora do Quinteto InVento, formación de vento que se centra tanto en repertorios propios deste tipo de formacións como na música contemporánea.

Máis en CULTURA
Comentarios