Uxía, os 10 anos do salto ao cinema de ‘A Esmorga’ e a faceta poética de Luísa Villalta protagonizan o ‘Sermos Galiza’

Novo número do semanario, á venda este sábado 18 de maio por 3,20 euros xunto ao xornal 'Nós Diario'

capa sermos

Este sábado, 18 de maio, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana.

Sara Pardo fálanos do salto ao cinema de A Esmorga, que vén de facer 10 anos. O filme que revolucionou a escena do cine na Galiza, A Esmorga, de Ignacio Vilar, fai xa unha década desde que deixou a súa pegada na historia. Unha crónica intensa de 24 horas na vida de tres compañeiros de troula que van deixando un regueiro de destrución, historia que calou fondo nas espectadoras e nos espectadores galegos. Audiencia e crítica situárona no máis alto, logrando cifras nunca antes alcanzadas por unha longametraxe rodada en galego. Unha película que sentou precedente no cinema galego.

A pesar de difundirse con moi poucas copias, A Esmorga foi un fenómeno de audiencia trala súa estrea na Galiza, onde chegou a 60.000 espectadores con só 18 copias en circulación. Ademais, a valoración da crítica elevouna en múltiples ocasións e obtivo moitos galardóns, en festivais nacionais como os Premios Mestre Mateo e estatais como o Festival Cinespaña

“A Esmorga foi o exemplo de que o cinema galego pode competir con calquera do mundo", afirma nesta reportaxe o director do filme, Ignacio Vilar.

Uxía, a música da irmandade

En menos dun ano Uxía Senlle (Sanguiñeda, Mos, 1962) vai cumprir os seus 40 anos de carreira musical. Querida nos palcos galegos e de medio mundo, a súa voz e a súa presenza foi pioneira cando eran moi poucas as mulleres no panorama musical galego, algo do que non presume pero que debe constatarse porque foi un exemplo que felizmente se multiplicou até hoxe. Promotora de espectáculos e de grupos, con iniciativas tan singulares como Malvela, os festivais Cantos na Maré ou a marabilla de María Fumaça, Uxía, repasa a súa traxectoria mentres paira na memoria dos que xa ouviron o Alalá das Mariñas
cos que sempre finaliza os seus concertos.

Xan Carballa entrevista a cantora neste número do Sermos Galiza. "non entendo o oficio como estratexia comercial con obxectivos e ritmos rápidos. son máis de ir camiñando e que vaian pasando cousas", afirma.

Luísa Villalta e Nós

En concreto, Luísa Villata e Nós’é a peza que asina Xosé María Álvarez Cáccamo. O símbolo da subida, asentado na experiencia andante de Luísa Villalta, é unha máquina polisémica que serve para expresar tamén a consciencia do labor de escrita poética. Sobe, pois, Luísa, no aprezo de lectoras e lectores e continúa a subir no autorretrato que deseñan os seus versos, na imaxe en que ela mesma descobre novos atributos do seu ser. Afástase a poeta do perfil da súa propia figura para, desde a distancia oportuna, contemplar outro dos seus vértices humanos, o da loitadora esperanzada, soñadora, a que albisca no horizonte un futuro tal vez realizábel de liberdade e xustiza.

Literatura, música, cinema... e máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Susana Sánchez Aríns achégannos as novidades no sector literario, a comezar por O amigo, de  Sigrid Nuñez (Tradución: Moisés Barcia / 2024 / Rinoceronte / 204 páxinas ) e As chaves  do tempo de Luísa Villalta (Cuarto de Inverno / 2024).

En música avhegámonos ao último traballo de Grampoder e de BÂnzô;e mergullámonos  No disco Cancións  para bailar, de Santi Araújo. César Morán fálanos do Venham máis cinco de Zeca Afonso.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme As Neves (Galiza, 2024),e o colectivo Xea lévanos ‘Polo Miño con Manuel María (III). O Miño galego-portugués’. Manuel Xestoso fálanos da edición de 2024 do Festival DDD (Dias da Dança), que decorre nas localidades portuguesas do Porto, Matosinhos e Gaia,

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Máis en CULTURA
Comentarios