Lucas Pérez estaba chamado a liderar unha nova etapa na historia do Deportivo, mais a súa viaxe branquiazul foi efémera, apenas dúas temporadas, a primeira, alén do máis, reducida a meio campionato por culpa dunha grave lesión nun xeonllo.
Lucas marcha porque o Deportivo continúa a ser un clube afogado polas débedas e que non está en condicións de ofertar condicións económicas vantaxosas para futbolistas da súa calidade. Perde o Dépor algo máis que un xogador, perde un símbolo, a alma da equipa nas últimas dúas temporadas.
Non é o futbolista galego de maior calidade que pisou o céspede de Riazor nas últimas décadas, honra reservada a Fran González Pérez, mais si é o que máis carácter, máis determinación gañadora, ten mostrado. Tanta que chamou a atención de equipas de filosofías tan distintas como o Everton inglés ou o Fútbol Clube Barcelona. Finalmente será o Arsenal de Wenger, a máis europea das escadras inglesas, o que conte cos seus servizos. En Londres Lucas verá cumprido o seu soño de disputar a Champions.
Lucas marcha porque o Deportivo continúa a ser un clube afogado polas débedas e que non está en condicións de ofertar condicións económicas vantaxosas para futbolistas da súa calidade
A operación sáldase co pagamento da cláusula de rescisión do futbolista, por valor de 20 millóns de euros. Desa cantidade 6 irá ao PAOK de Salónica, que retiña parte dos dereitos do futbolista, e 14 ao Deportivo. Mais o ingreso para o Deportivo non será neto, porque 3,5 millóns irán a pagar a débeda que a entidade ten contraída coa axencia tributaria. Portanto, o beneficio para as arcas branquiazuis será de 10,5 millóns.
O traspaso de Lucas permite ao Deportivo financiar a compra dos dereitos sobre Sidnei, o central brasileiro pretendido polo Valencia. O clube levantino formalizou unha oferta polo defensa por valor de 10 millóns de euros. O Dépor exerceu perante o Benfica -dono até agora do xogador- o dereito de tanteo e, portanto, faise coa propiedade do central.
Pagará 6,5 millóns de euros en catro prazos. Os 3,5 restantes xa os desembolsara cando incorporara o futbolista, autor de 17 dos 41 goles do Deportivo a pasada tempada.
Portanto, o Deportivo ten aínda remanente para procurar no mercado, até o 31 de agosto, un punta que feche o plantel.