A situación de incerteza que rodea nestes momentos ao desenvolvemento futuro das competicións, e que afecta de maneira directa aos ingresos económicos previstos polos clubes galegos en todos os deportes -xa sexan en forma de patrocinios, subvencións, achegas...- está levando a moitos equipos de todo o país a recorrer aos Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), que se están popularizando en todos os sectores económicos a raíz da crise provocada pola pandemia do coronavirus.
Primeiro foi o Básquet Coruña, que anunciou que presentaría ERTE "por causa de forza maior, e como a única forma de salvagardar a continuidade do clube e dos seus empregados para o momento en que se poidan renovar as actividades".
E na tarde de hoxe o Liceo, un equipo gañador de sete ligas e seis copas de Europa e o referente do hóckey estatal, só por detrás do todopoderoso Barcelona, uníase a unha medida que definía como "complicada", pero "responsábel" para garantir a viabilidade do clube.
Non obstante, o conxunto coruñés anunciou que aplicará "fórmulas para que todos os afectados polo ERTE sigan mantendo idéntico poder adquisitivo até que a situación volva á normalidade".