Jozi de Oliveira, porteira do Burela: "Estou animada e ilusionada para continuar xogando"

A veterana gardameta do Pescados Rubén, Jozi de Oliveira (Chapecó, Brasil, 1982), continúa a ser un dos piares do mellor equipo de fútbol sala do mundo, como vén de demostrar na recente fase final da Copa da Raíña, onde tornou en heroína laranxa nunha especialidade que non é a súa: os lanzamentos de penalti. 

O papel de Jozi foi chave nos éxitos da escuadra da Mariña. (Foto: RFGF).
photo_camera O papel de Jozi é chave nos éxitos da escuadra da Mariña. (Foto: RFGF).

Neste novo éxito copeiro do Pescados Rubén Burela foron especialmente importantes os lanzamentos de penalti, pois desde aí o club conseguiu o triunfo nas semifinais e o propio título na finalísima. Como os viviu desde a súa óptica de protagonista directa?

Con moita tensión. Normalmente non son unha responsabilidade miña, pois nos equipos nos que estiven no momento dos lanzamentos de penalti cedía o protagonismo á miña compañeira, pois eu non son unha porteira paradora de penaltis, pero nesta Copa tocou, así que había que paralos (ri). Estívenos preparando tempo antes, porque sabía que podía tocar, e as semanas antes estudei as distintas lanzadoras, mesmo mirando a Copa masculina, para observar ideas, conceptos e tomar decisións.

Queda moi claro que as súas paradas non son froito da sorte ou da casualidade, senón que teñen moitísimo traballo detrás. Que é o que a motivou a levar a cabo esa preparación tan completa?

Ao non ser unha das miñas especialidades tiven que buscarme un pouco a vida, ollando estatísticas, sabendo se as lanzadoras son destras ou zurdas... todo para axudarme á hora de tomar decisións e arriscar tirándome cara ao lado con máis probabilidade de parada. Tamén estudei un pouquiño o movemento da xogadora, como coloca o pé, aínda que no momento todo pasa tan rápido que non dá tempo a moito. 

Este título de Copa da Raíña tamén é moi especial porque, a pesar de que o seu é un grupo de xogadoras e un club acostumado a gañar, veñen de padecer pequenos tropezos ligueiros, de perder a Copa Galiza, dun cambio de adestrador... representa este trofeo unha forma de disipar dúbidas e mesmo de calar bocas?

Si, os últimos dous meses foron un tanto revoltos polas circunstancias externas. A eliminación da Copa da Galiza doeunos moito porque levabamos unha xeira histórica de títulos e finais que non queríamos que acabase. Por iso tiñamos moitas ganas de volver xogar unha competición e chegar á final para demostrar, non á xente, pero si para recuperar esa confianza de "seguimos aquí e con ilusión". O Burela segue e nós tamén.

Vostede é unha gran competidora que sempre di que seguirá xogando mentres sexa quen de manter o nivel. Iso, polo menos a día de hoxe, está fóra de toda dúbida. A motivación, e máis despois de escoitar todo o traballo que desenvolve fóra da pista, vese que tamén. Haberá un ano máis de Josi en Burela?

Non o sei. Aínda queda a Liga por xogar e despois chegará o momento de tomar a decisión. Pero si que é certo que isto para min é unha adicción, eu vívoo con moita ilusión e, a día de hoxe, si que teño ganas de seguir e xogar un ano máis. O corpo permítemo e a cabeza tamén. A idea é seguir. Vou de ano en ano, non planifico as tempadas a dous, tres ou catro anos vista, pero este estou animada e o corpo e a cabeza seguen funcionando, e con moita ilusión.

Botando a vista atrás, a cando comezou a xogar tras pasar do balonmán ao fútbol sala, soñou con esta carreira en Europa, gañando mundiais, ligas e todos os títulos posíbeis?

Co fútbol sala, non. Os meus soños de adolescente ían co balonmán, víame como unha xogadora da selección brasileira. Pero cando comecei no fútbol sala, de ter escrito esta historia xamais o faría do modo en que se deu e como se está a dar, porque o fútbol sala feminino era un deporte minoritario con grandes dificultades e no que había moitos prexuízos.

Comentarios