O mar de Euskal Herria foi domado polas galegas

A traiñeira Rianxeira obtén, por quinto ano consecutivo, a Bandeira da Concha na categoría feminina. Na masculina, os de Tirán atinxiron un terceiro posto que sabe a ouro
photo_camera Foto: Diario Vasco

A Concha, Donosti. Cada ano, cara a mediados de setembro, milleiros de seareir@s das traiñeiras danse cita no porto vello desta cidade e nas abas dos montes Igueldo e o Urgull para gozar dun espectáculo tan fermoso, como competitivo. Tan tradicional como absolutamente moderno. A loita sobre as augas entre embarcacións a remo nun ambiente inigualábel. Nesta edición, a Bandeira da Concha en categoría masculina foi para Kaiku, mostrando que o remo bizkaitarra está agora un paso por diante dos de Gipuzkoa, a gran zona das traiñeiras vascas. Urdabai (de Bermeo, tamén Biskaia) foi segunda. E o terceiro posto veu para Galiza, grazas á tripulación de Tirán, que aosou sobre as augas que o remo galego ten moito, moito, que dicir.

A clasificación completouse con Hondarribia en cuarto posto, San Juan, os cántabros de Astillero, a Donostiarra e Chapela, a outra representante galega. Chapela foi a gran sorpresa desta edición, pos ninguén contaba coa súa clasificación para esta bandeira da Concha. Fixérono.

E chegaron as nosas!!!

Mais foi na categoría feminina onde o remo galego deixou a súa pegada de poderío. A tripulación da Rianxeira, Galiza-Rías Baixas, volveu gañar,máis unha vez e van cinco, a bandeira da Concha. As rivais confiaban en que o ar estivese revolto para tentar dar a sorpresa e recortar a ventaxe acadada polas galegas na primeira xornada. Foi unha tanda reñida e atractiva, en que as vogadoras de Zumaia fixeron todo o posíbel por arrebataren a vitória ás galegas. Mais non houbo forma e a Rianxeira volveu erguer a Bandeira da Concha. E van cinco de cinco. Unha xesta recoñecida amplamente pola prensa vasca.

Comentarios