O Goberno prorrogará a rebaixa do IVE dos alimentos básicos

Pedro Sánchez asegurou que os prezos seguen sendo "altos" e avanzou que a súa intención é prorrogar a rebaixa do IVE a algúns alimentos que finaliza o próximo 30 de xuño.

Dúas persoas observando os prezos dos alimentos nun supermercado de Santiago de Compostela o pasado mes de decembro (Foto: Arxina).
photo_camera Dúas persoas observando os prezos dos alimentos nun supermercado de Santiago de Compostela o pasado mes de decembro (Foto: Arxina).

"Queremos facelo, esa é a vontade", dixo Sánchez nunha entrevista en TVE recollida por Europa Press.

O presidente sinalou que exporá esta prórroga ao Congreso dos Deputados, onde ten minoría parlamentaria, co fin de que saia adiante pese ao "enorme" esforzo, pero "necesario", que supón para as arcas públicas.

"A evolución dos prezos dos alimentos aínda continúa sendo alta e por tanto, temos que facer ese esforzo, que é un esforzo enorme para as arcas públicas. Penso sobre todo na vicepresidenta de Facenda, pero creo que é un esforzo necesario para os nosos fogares", apuntou o presidente.

O Goberno prorrogou o pasado mes de decembro até o 30 de xuño deste ano o IVE do 0% para determinados alimentos básicos, como leite, pan, ovos, queixo, froitas, legumes, tubérculos, cereais e verduras que teñan a condición de produtos naturais, así como o aceite de oliva. Así mesmo, prorrogouse tamén a rebaixa do IVE do 10% ao 5% da pasta.

A decisión de prorrogar esta rebaixa contrasta co que o Goberno transmitiu a Bruxelas o pasado 30 de abril no documento de actualización das previsións macroeconómicas e fiscais para os anos 2024 e 2025, no que contemplaba que o 30 de xuño deste ano revertería a rebaixa do IVE aos alimentos.

Evolución do IPC

Segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) do IPC correspondente ao mes de abril (esta quinta feira coñeceranse os de maio), o prezo dos alimentos e bebidas non alcohólicas ampliou en abril o seu avance interanual ao 4,7%, catro décimas máis que en marzo, debido, no seu maior parte, á suba dos prezos das froitas e dos legumes e hortalizas.

Entre abril de 2023 e o mesmo mes de 2024, o que máis subiu de prezo é o aceite de oliva (+68,1%), que acumula unha repunta do 204,8% desde xaneiro de 2021, o que significa que o seu custo triplicouse no últimos tres anos.

En abril destacaron tamén as subidas interanuais dos prezos dos zumes de froitas e vexetais (+17,3%) e das froitas (+17,1%).

En termos mensuais (abril sobre marzo), o IPC aumentou un 0,7% tras subir os prezos do vestido e o calzado pola nova tempada primavera-verán (+7,1%), dos servizos de aloxamento e dos alimentos en "case todos os seus compoñentes", destacando as froitas, legumes e hortalizas, carnes e peixe e marisco. O aceite de oliva encareceuse un 1,5% en abril respecto ao mes anterior.

Comentarios