Análise

Progresivo descenso do caudal do Ulla

Antonio Presas é xeógrafo e escritor.
Estación de aforos colocada na Ponte Nova (Santiso, Terra de Melide)  polo Centro de Estudios Hidrográficos. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Estación de aforos colocada na Ponte Nova (Santiso, Terra de Melide) polo Centro de Estudios Hidrográficos. (Foto: Nós Diario).

No ano 1957 a Sociedade Hidroeléctrica Moncabril obtivo a concesión da explotación dos recursos hidráulicos da conca do río Ulla e planeou construír once encoros, algúns de tamaño descomunal, como foi o caso do encoro de Portodemouros. Desde ese ano (1957) instaláronse varias estacións de aforo para medir tanto o caudal do río Ulla como o de varios dos seus afluentes. Unha desas estacións foi a instalada na Ponte Arcediago, na que se medía o caudal do Alto Ulla co seu afluente, o río Furelos. Os datos recollidos por Moncabril foron presentados no Ministerio de Obras Públicas (MOPU), pero teñen carácter privado e ata que o Centro de Estudios Hidrográficos (CEH), dependente do Ministerio de Transportes, se fixo cargo das medicións, no ano 1971, non se dispón dunha serie de datos continuos e público.

Control do caudal

Desde entón, e até 2019, contamos con información relativa a 49 anos hidrolóxicos completos, que comezan a contar o día un de outubro e finalizan o 30 de setembro do ano seguinte. Esta valiosa serie de datos sería máis completa se puidésemos engadirlle os 14 anos con datos hidrolóxicos completos recollidos por Moncabril.

Entre 1971 e 2019 non foi posible recoller datos nos anos 1987, 1988 e 1989 por causa das transferencias hidráulicas ás comunidades autónomas, neste caso, a Augas de Galicia. A perda de datos nestes tres anos foi común a todos os ríos transferidos á Xunta de Galicia.

Altri prevé consumir cada vez máis auga, cando todo demostra  que hai cada vez menos

Os números organizados de forma secuencial proporcionan unha importantísima información do caudal medio diario e anual, do caudal máximo instantáneo e anual, do caudal mínimo diario, do caudal medio anual, das achegas diarias, mensuais e total anual. Esa información permite observar a súa evolución interanual que, xunto aos datos meteorolóxicos, serve para analizar as tendencias existentes e a súa relación co cambio climático, apreciable desde a segunda metade do século XX de forma cuantitativa.
A conca aforada en Ponte Arcediago abrangue unha superficie de 515,72 km2 e presenta un caudal medio (1971-2019) de 13,422 m3/segundo, pero con diferenzas moi apreciables entre os valores máximos e os mínimos. Así, 29 anos hidrolóxicos presentan un caudal medio anual inferior 13,422 m3/segundo, mentres que os anos con valor superior son en total 17, pero, o máis importante de todo isto é a tendencia que se observa na evolución do seu caudal neses 49 anos.

A liña de tendencia do caudal medio anual amosa un declive regresivo moi importante, desde os 16,3 m3/segundo, no comezo da serie, aos 10,6 m3/segundo ao final da mesma. En 49 anos o caudal medio decreceu 5,7 m3/segundo o que representa unha mingua de caudal do 35%.

Se temos en conta a achega total anual (auga que pasou pola estación durante un ano en hectómetros cúbicos), atopámonos nunha situación moi similar. Así, a comezo da serie (1971) a achega media anual andaba polos 520 hm3 e, nos últimos anos (2019) baixou a 340 hm3.

Un encoro minguado

A liña de tendencia das achegas anuais indícanos que en 49 anos a achega do río Ulla, na estación da Ponte Nova, baixou uns 180 hm3, o que equivale a dicir que nese período a auga que circulaba por ese punto descendeu un 34,6%. A achega media dos 46 anos hidrolóxicos con datos de aforo foi de 23,546 hm3.

As causas deste acusado descenso do "caudal medio anual" e "achega total anual" poden ser de orixe diverso (por causas climáticas, por impactos medio ambientais no territorio, por intervencións antropolóxicas, etc.), pero a realidade está aí e non é algo aleatorio. Neste caso concreto dispoñemos dunha longa serie de datos de carácter homoxéneo, controlados polo CEH, que teñen un dobre valor, tanto no referente ao propio caudal desta parte da conca hidrográfica como da súa evolución ao longo de case 50 anos e esta evolución indícanos claramente que o caudal tende a diminuír constantemente.

Tendo en conta a evolución regresiva negativa que amosa unha tendencia á baixa do caudal medio anual e da achega total anual, non cabe autorizar a instalación dunha industria como a celulosa Altri en Palas de Rei, con un consumo de auga tan elevado, totalmente desproporcionado e con tendencia a ir en aumento na mesma medida en que se instalen novos procesos industriais auxiliares, cando o caudal do río que subministra auga ao encoro evoluciona en sentido contrario.

No proxecto presentado por Altri non se teñen en conta as variacións climáticas que causa o denominado "cambio climático" actual, que non é un fenómeno circunstancial, senón una situación ambiental que evoluciona negativamente en canto aos recursos hídricos e vai en aumento en canto ás temperaturas. Non ter en conta estes condicionantes é razón suficiente para rexeitar este aberrante proxecto de efectos adversos na evolución das condicións ambientais: prevé consumir cada vez máis auga, cando todo demostra que hai cada vez menos.
 

Comentarios